Saturday 24 de January de 2026

Moción do BNG para posibilitar novas instalacións deportivas en Tarrío


– A moción rexistrada pide iniciar o expediente para ordenar a contorna das instalacións deportivas e dotalas dun espazo multiusos destinado principalmente a ximnasio.

– Nen as actuais instalacións, ao límite das súas capacidades, nen o proxecto de reforma do Pavillón contemplan este espazo.

– A creación dunha sala multiusos é unha demanda dos clubes que lles permitiría mellorar os adestramentos e reducir a saturación dos espazos actuais.

O BNG de Culleredo rexistrou, o pasado día 16 de xaneiro, unha moción para dotar as instalacións deportivas de Tarrío dun espazo multiusos, que tería como principal finalidade a de ximnasio.

A creación da sala multiusos permitiría aos clubes mellorar a calidade dos adestramentos, optimizar horarios, reducir a saturación dos espazos actuais e avanzar nun modelo de deporte base máis moderno, seguro e eficiente.

O solar que ocupa o actual pavillón ten esgotada a súa edificabilidade e na reforma prevista non se inclúe dotalo dun espazo destinado a ximnasio.

Coa moción téntase dar solución a unha vella demanda dos clubes que empregan as instalacións xa existentes e que se atopan ao límite da súa capacidade.

Para o voceiro nacionalista, Tono Chouciño, “é precisa unha reforma puntual do ordenamento urbanístico que permita ordenar o espazo e dotar a zona das infraestruturas necesarias, mellorando as instalacións deportivas de Tarrío e a súa contorna, hoxe en situación de abandono; e facelo con plenas garantías legais. É unha demanda dos clubes que repercutiría positivamente no conxunto da veciñanza”.

Deja un comentario