Saturday 24 de January de 2026

Nove equipos de investigación encherán LandraCiencia de proxectos punteiros, divulgación e ciencia para todos os públicos


A III Feira do Día da Muller e a Nena na Ciencia, que se celebrará o domingo 8 de febreiro no mercado municipal, estrea denominación e mascota

Tecnoloxía, ciencias sociais, saúde, ecoloxía e actividades lúdicas para todos os públicos encherán LandraCiencia, a Feira do Día da Muller e a Nena na Ciencia, que celebra a súa terceira edición o domingo 8 de febreiro con moitas novidades. Nova denominación, nova imaxe e moitísima participación. Este ano contaremos con nove equipos de investigación que presentarán proxectos punteiros desde as 10.30 ata as 13.30 horas na planta alta do mercado municipal.
Hoxe presentamos o evento coa participación do alcalde, Daniel Pérez, e dos responsables das dúas concellarías implicadas na organización, Iván Andrade, de Innovación, e Maica Ures, de Igualdade. E xunto cos representantes municipais estiveron as investigadoras carballesas Verónica Bolón, que non só participa desde a primeira edición senón que tamén forma parte do equipo organizador, e Olalla Rama, que se incorpora este ano.
Na presentación déronse a coñecer as diferentes propostas que conforman esta edición, nas que participan universidades, centros de investigación, profesionais da ciencia e do ámbito educativo, cun obxectivo común: achegar a ciencia á cidadanía, fomentar vocacións científicas desde a infancia e visibilizar o papel das mulleres na investigación.
No ámbito das ciencias sociais, o Grupo de Estudos Territoriais (GET-UDC) presentará Territorio en xogo, un laboratorio do territorio deseñado para xogar e reflexionar sobre Carballo a través de mapas, construcións, xogos simbólicos e creación colectiva. A proposta promove unha mirada crítica e participativa sobre o espazo urbano, adaptada a diferentes idades.
A área de vida, saúde e ecoloxía inclúe o obradoiro Descubrindo a vida no solo, da man do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo, coordinado por María Brandón, que permitirá observar insectos mediante lupas e pequenos experimentos. O Grupo de Investigación en Cambio Ambiental (GRICA-UDC) achegará O mundo oculto dos lagos: do sedimento ao microscopio, un obradoiro práctico para descubrir ecosistemas acuáticos desde unha perspectiva científica e lúdica.
A investigación en saúde terá un espazo específico coa actividade A ciencia que nos coida, un achegamento lúdico á investigación oncolóxica desenvolvido polo Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), pensado para explicar de forma accesible como traballan os equipos científicos no eido da saúde.
No eido da tecnoloxía e a enxeñería, o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC-UDC) presentará dúas propostas: IA Verde, vinculada á Cátedra UDC-Inditex, para explicar que é a intelixencia artificial e como pode contribuír á sustentabilidade, e o Proxecto TuTIC, no que as persoas participantes poderán crear circuítos eléctricos e experimentar con sensores. A Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo participará cun Laboratorio tecnolóxico que inclúe lápices 3D, robótica educativa, cámara térmica, gafas de realidade virtual e un simulador de windsurf. A programación complétase con talleres de impresión 3D impartidos por Jorge Cebey.
A feira contará tamén cunha área dedicada á ciberseguridade, coa participación de Olalla Rama, consultora en ciberseguridade, que desenvolverá actividades de divulgación e sensibilización para achegar ao público a importancia da seguridade dixital no día a día.
Xunto ás propostas científicas, LandraCiencia incluirá un espazo de lecer con pintacaras, xogos, concursos con premios e unha zona creativa, reforzando o carácter familiar e aberto do evento.
LandraCiencia preséntase así como unha cita consolidada en Carballo para celebrar a ciencia en feminino, fomentar a curiosidade e demostrar que a investigación tamén se pode descubrir xogando, experimentando e compartindo.
Un espazo estable de divulgación científica
LandraCiencia preséntase así como unha cita consolidada en Carballo para celebrar a ciencia en feminino, fomentar a curiosidade e demostrar que a investigación tamén se pode descubrir xogando, experimentando e compartindo.
Iván Andrade destacou que este cambio responde á necesidade de consolidar un proxecto que xa demostrou o seu impacto na veciñanza: “Despois de dous anos comprobando que a divulgación científica funciona en Carballo, damos un paso adiante coa vontade de medrar e consolidarnos”. O acto serviu tamén para presentar a Landi, a nova imaxe que acompañará a feira nesta etapa.
Pola súa banda, Verónica Bolón agradeceu ao Concello a oportunidade para “desenvolver un dos meus soños” e aludiu á importancia de “seguir loitando para que Carballo se poida asociar a un concello que aposta pola ciencia”. A enxeñeira informática e investigadora carballesa destacou que actividades coma LandraCiencia permiten ofrecer ás nenas a posibilidade de escoller o que queren ser, e lembrou que no seu ámbito as mulleres aínda son minoría, arredor do 13%.
Curiosamente, Carballo fai unha importante achega a esa porcentaxe, porque, ademais de Verónica Bolón, o ano pasado descubrimos na exposición de investigadoras carballesas a outras dúas: Lara Pallas, de Oza, e Olalla Rama, de Sofán. Esta última, experta en ciberseguridade, vaise sumar por primeira vez á feira do Día da Muller e a Nena na Ciencia, e tamén estivo na presentación. ”É unha actividade moi interesante, porque achega a ciencia ás nenas a idades moi temperás”, dixo.
A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Maica Ures, puxo o foco no compromiso do proxecto coa igualdade, lembrando que a presenza maioritaria de científicas ofrece referentes fundamentais para a infancia e a mocidade. Ademais, LandraCiencia súmase un ano máis ao movemento estatal do 11 de febreiro, Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, no que Carballo é un dos poucos concellos galegos adheridos.
O alcalde de Carballo, Daniel Pérez, pechou o acto salientando que LandraCiencia é “unha feira en clave de igualdade” e “unha peza clave do programa cultural e educativo do concello”. Daniel Pérez e puxo en valor o papel das investigadoras carballesas como ponte entre a universidade e o territorio. “Carballo é un viveiro de talento investigador, e esta feira é unha mostra dese potencial”, afirmou.
LandraCiencia consolídase así como un espazo aberto, participativo e recoñecible, que achega a ciencia á veciñanza desde a proximidade, a igualdade e a divulgación de calidade.

Deja un comentario