· O alcalde, José Manuel Mato, avanza que se levarán a cabo novas convocatorias da iniciativa ao longo do 2026 ante os bos resultados acadados nesta edición.
O Concello puxo o broche de ouro á súa Campaña de Comercio O Nadal chega a Ponteceso entre versos, luz e maxia coa entrega do gran premio desta edición: un lingote de ouro valorado en, aproximadamente, 1.500 euros. O alcalde, José Manuel Mato, felicitou á gañadora do galardón e destacou que se trata “dun premio á fidelidade e ao compromiso desta veciña de Ponteceso co tecido económico local”. Ante a excelente acollida da iniciativa tanto entre a veciñanza como entre os establecementos participantes, o rexedor anunciou que haberá novas convocatorias ao longo deste ano.
A campaña, que estivo en marcha durante todo o mes de decembro e ata o 5 de xaneiro, contou cun cento de comercios adheridos. Durante este período, a clientela recibiu un pasaporte que debía completar con seis selos de seis establecementos diferentes, obtendo un distintivo por cada compra superior a cinco euros. Os pasaportes completos participaron nun gran sorteo celebrado o día de peche da campaña, no que se repartiron bicicletas, tablets e o lingote de ouro.
O primeiro edil valorou moi positivamente os resultados obtidos e subliñou a elevada implicación dos comerciantes, “sen cuxo esforzo e dedicación non sería posible pór en marcha unha iniciativa destas características”. Así mesmo, Mato avanzou que o Concello xa está a traballar nas edicións de 2026, que se desenvolverán nos meses de maio e decembro.
—




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.