O BNG da Laracha vén de rexistrar unha batería de preguntas para o vindeiro pleno municipal co obxectivo de esclarecer a falta de información existente arredor do proxecto dunha central hidráulica reversible prevista no concello, concretamente na zona de Montemaior, que vén de recibir unha subvención de 40 millóns de euros por parte do IDAE.
Segundo denuncia o grupo municipal nacionalista, a información facilitada polo Goberno central foi moi escasa, ata o punto de non concretar inicialmente nin o concello no que se ía instalar a infraestrutura, nin os recursos hídricos que se empregarían, nin a zona afectada polo proxecto.
Foi no pasado mes de decembro cando o asunto chegou ao Senado, da man da senadora do BNG Carme da Silva, quen solicitou ao Ministerio correspondente unha ampliación da información. A partir desa resposta confirmouse que a central se situaría no concello da Laracha e que contaría con dúas balsas que se encherían con auga traída doutro lugar, sen que se especificase a súa procedencia nin o impacto territorial e ambiental da actuación.
Desde o BNG da Laracha consideran inaceptable esta falta de transparencia nun proxecto destas dimensións, polo que reclaman explicacións claras e información detallada tanto para a corporación municipal como para a veciñanza.
Neste sentido, o grupo municipal formula as seguintes preguntas ao goberno local:
Se o Concello da Laracha recibiu información oficial sobre este proxecto por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica.
Cando se prevé a apertura do prazo de exposición pública para coñecer o proxecto e presentar alegacións.
Cal é a postura do goberno municipal ante a instalación desta central hidráulica reversible no concello.
O BNG insiste na necesidade de garantir a participación pública e de avaliar con rigor os posibles impactos ambientais, sociais e territoriais dun proxecto que pode ter consecuencias relevantes para a Laracha.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.