Saturday 24 de January de 2026

Neda organiza en febreiro o “Tardeo Remember solidario” para apoiar o traballo da AECC


O vindeiro luns comeza a venda de entradas para o evento, con música dos anos 80, 90 e 2000 na Casa Consistorial

O Concello de Neda organiza o 14 de febreiro, en plenas celebracións do entroido na vila, o “Tardeo Remember solidario”. Trátase dunha iniciativa benéfica, coa música dos anos oitenta e noventa e 2000 como protagonista, destinada a recadar fondos para apoiar o labor que realiza a Asociación Española Contra el Cáncer de Ferrol (AECC).
O Día dos namorados, quen se achegue ao pavillón municipal Ale de Paz terá a oportunidade de viaxar no tempo. E todo, grazas a temazos que foron éxitos décadas atrás e causaron furor no seu tempo nas discotecas.
A sesión, que arrincará ás 17:30 horas, contará nada menos que coa colaboración desinteresada de cinco dj’s, que porán toda a carne no asador para facer desfrutar dunha tarde inesquecible, baixo o lema “Moitos ritmos, unha soa loita”. Así, Josy Da Graver, Cobelo, DJ Chavetas, Iván Estévez e Celso DJ serán os encargados de facer bailar, vibrar e revivir os 80, os 90 e os 2000 a cantas persoas se acheguen que, por certo, poderán acudir disfrazadas.
As entradas- donativo para o “Tardeo Remember solidario” terán un coste de 5 euros (os menores de 12 anos poderán entrar gratis) e deberán mercarse, de luns a venres, en horario matinal, na Casa do Concello (1º andar). Ademais, habilitarase unha fila O, co fin de que as persoas que non poidan acudir, colaboren.
A actividade servirá para conseguir fondos para impulsar o traballo de investigación contra o cancro e os servizos a prol de pacientes oncolóxicos de Ferrolterra que leva a cabo AECC. A sesión contará co apoio da Agrupación de voluntarios de Protección Civil de Neda.

Deja un comentario