Rexistraron 10 iniciativas co obxectivo de que o goberno local dea conta do cumprimento do acordo que viabilizou as contas do 2025 e solicitando a convocatoria do debate do Estado do Municipio
“As cousas non están funcionando como deberían, pero tamén sabemos que poderían ir a peor se non hai orzamentos aínda que sexa tarde” afirman.
As concelleiras non adscritas formulan o primeiro pleno do ano da vindeira semana como antesala á negociación dos orzamentos cunha batería de iniciativas coas que pedirán contas ao goberno local polo incumprimento dos acordos anteriores. Son un total de dez as propostas rexistradas e presentadas por Gonzalo Muíños e Mercedes Rosón este venres en materia de vivenda, investimentos no rural, instalacións deportivas e saúde mental.
Segundo insistiu Rosón, “non pode ser que cada ano cheguemos a acordos de orzamentos que, neses acordos aparezan puntos repetidos, e que ninguén dea explicacións sobre nada”. Neste sentido, a non adscrita pide explicacións e xustificar os incumprimentos e, “unha vez iso ocorra, estaremos en condicións de avanzar nas novas contas”.
Así, as non adscritas preguntarán polos prazos para a efectiva constitución da empresa pública de vivenda e solo, un compromiso que figuraba xa nos acordos do 2024 e 2025. Para Rosón isto é prioritario para “impulsar rehabilitación e promocionar e construír vivenda, redactar plans de ordenación e proxectos de urbanización”, priorizando “os máis de 40 solos non consolidados que hai na contorna da cidade”: isto é, ocos baleiros, parcelas ou solares sen construír, que quedaron sen desenvolver na expansión de Santiago de Compostela.
Execución de orzamentos no rural e reforma de parques infantís
As non adscritas preguntarán tamén polo grao de execución real dos investimentos comprometidos no rural. Lembran que o Pacto polo Rural comprometía que o 1,5% do orzamento fora destinado a actuacións nas parroquias de Santiago: algo contemplado nas contas do 2025 pero que, agora, reclaman coñecer o seu alcance real. Critican que nas reunións mantidas ata agora co executivo de Sanmartín pediron un avance da liquidación dos orzamentos neste sentido pero “é unha información que, aínda a día de hoxe, non nos facilitaron”.
Tamén en materia de infraestruturas pedirán contas de dúas licitacións de obras para a construción de novos equipamentos: por unha banda, polo retraso na licitación das obras da Casa das Persoas Maiores; e, por outra banda, as obras para a creación do novo complexo deportivo de Santa Marta para dar servizo á zona sur de Compostela. Sobre a primeira, a Casa dos Maiores, lembran que o anterior goberno local conseguira a cesión por 25 anos do antigo local da Seguridade Social en San Pedro de Mezonzo: “unha cesión que xa minguou a 22 anos polos tres que o goberno local leva consumidos para licitar as súas obras”.
Tamén en materia de investimentos, preguntarán polas reformas dos parques infantís comprometidas no acordo do 2025 que viabilizou as contas municipais. Concretamente trátase de tres actuacións de reforma integral: o parque de Angrois, o da rúa Manuel Beiras en Conxo e a reforma e cuberta do da rúa Lisboa en Fontiñas. De feito, este último, xa fora comprometido na negociación de remanentes do 2024 e, a día de hoxe, as non adscritas seguen agardando a que “a lo menos, se nos presente un proxecto para a creación do primeiro parque cuberto de Santiago”.
As non adscritas preguntarán ademais pola implementación dun programa estable de actividades para abordar o desafío de saúde mental, comprometido tamén no acordo do 2025 e polas incongruencias nos informes para desatascar o contrato para o ciclo integral da auga, así como polos proxectos de dúas sendas peonís comprometidas na parroquia da Gracia, que conectaría co polígono industrial; e outra en Casas do Rego, que completaría a senda de Figueiras conectando a parroquia co barrio do Carme de Abaixo.
“Predisposición toda pero non votaremos a favor duns orzamentos irreais”
“Nós temos toda a predisposición para negociar os orzamentos, pero é moi difícil xustificar por parte do goberno local que o primeiro borrador chegue en xaneiro do ano en curso e coas contas xa prorrogadas” criticou Gonzalo Muíños lembrando que segundo a lei reguladora de facendas locais o orzamento tería que estar remitido a toda a corporación antes do día 15 de outubro: “nin isto ocorreu nin houbo borrador algún ata xaneiro”.
Muíños que anunciou que nos vindeiros días remitirán ao goberno local as propostas das non adscritas para incluír nos orzamentos, amosouse moi crítico cos prazos nos que se está tramitando o orzamento. De feito, lembraba que a propia Sanmartín, nos seus tempos de oposición, xa na volta de verán, entre agosto e setembro, reclamaba que se presentara un borrador: “un exemplo máis do abismo que hai entre o que pregoaba a señora Sanmartín na oposición, e o que fai agora desde que goberna”.
En calquera caso, as non adscritas recoñecen que as cousas “non están funcionando como deberían” e declaran ser conscientes de que a xestión do goberno local “é moi deficiente en moitas áreas, a económica unha delas” pero aseguran que avanzan na negociación de orzamentos aínda que sexa tarde “entendendo que as cousas poderían ir a peor” se non hai unhas contas públicas adaptadas ao novo ano. A pesar disto, as non adscritas xa fixeron pública unha liña vermella que é a de desbotara a instalación de novos radares con fins recadatorios: “o que está claro é que, a data de hoxe, non se fixo público nin nos trasladaron ningún informe ou documento oficial que xustifique a instalación deses radares, salvo o motivo recadatorio” critican.
Convocatoria do debate do Estado do Municipio
As concelleiras non adscritas rexistraran tamén este luns 19 unha proposición reclamando a convocatoria do debate do Estado do Municipio. A “casualidade”, e así o cualificou Gonzalo Muíños tirando de retranca, quixo que xusto antes da comparecencia de prensa do propio Muíños e Rosón, a propia Alcaldesa convocara unha rolda de prensa para anunciar a súa convocatoria. As non adscritas celebran a súa convocatoria, aínda que recalcan que chega cinco días despois de rexistrar a petición.
En calquera caso, Muíños amosouse sorprendido porque Sanmartín lle comunicara a convocatoria quince minutos antes da súa rolda de prensa e critica que ese sexa o gran anuncio que pode facer a Alcaldesa: “eu pensaba que, no contexto no que estamos, ía anunciar que xa conseguira novo financiamento para non botar a perder os proxectos ‘Entre Sar e Sarela’ para actuar na lagoa do auditorio ou que xa recuperaran os dous millóns para a modernización da Praza de Abastos que tamén perdeu no 2024”.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.