● O Concello volveu a contratar insercións publicitarias para promocionar o municipio durante esta semana nas grandes pantallas do Teatro Lope de Vega.
● Este ano tamén levou a pasarela da Mostra, cunha colección de Claudina Mata, a diferentes espazos do centro de Madrid.
Para contribuír á promoción turística do municipio, e aproveitando a presenza en FITUR, o Concello abriu unha ventá ao epicentro do paraíso en Camariñas, a zona de Trece-Reira-Vilán, en pleno centro de Madrid, contratando insercións publicitarias nas grandes pantallas dixitais do Teatro Lope de Vega, un dos espazos madrileños máis emblemáticos, en plena Gran Vía, e onde se representa o coñecido musical do Rei León.
A inserción publicitaria consiste, por unha banda, nun vídeo de 10 segundos no que, baixo o lema ‘Camariñas Sorprende’ poden verse as imaxes máis espectaculares do spot turístico do Concello para 2026 e, pola outra, como imaxe fixa, o lema ‘Camariñas, Costa da Morte’.
“Os milleiros de persoas que día a día pasean pola Gran Vía poderán facer un primeiro achegamento ao paraíso que temos en Camariñas”, explica a alcaldesa, Sandra Insua.
A rexedora aclara que “o obxectivo desta acción publicitaria é o de continuar a promocionar o turismo en Camariñas fora das nosas fronteiras, xunto á Mostra do Encaixe, para atraer un maior número de visitantes ao longo de todo o ano”. “Os resultados dos últimos anos foron moi bos e por iso repetimos”, afirma.
A modernidade do encaixe chega ao centro de Madrid
Por outra banda, o Concello quixo levar este ano a pasarela que todos os anos en Semana Santa convirte a Camariñas en capital nacional da moda. Así, programou unha sesión fotográfica en diferentes puntos do centro de Madrid, como a azotea do hotel RIU Plaza España, cunhas incribles vistas panorámicas da capital, a propia Gran Vía fronte ás pantallas do teatro Lope de Vega e os arredores do Palacio Real.
Os deseños escollidos para a ocasión pertencen á colección que a deseñadora granadina Claudina Mata presentou na XXXIV Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña.
O obxectivo desta acción era amosar, en pleno centro de Madrid, a modernidade e o toque distintivo que o encaixe aporta ás prendas creadas polos deseñadores máis destacados do país.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.