― A delegada da Xunta puxo en valor esta ruta náutico-peregrina que combina a navegación polas Rías Baixas cun tramo final a pé ata Santiago de Compostela, integrando tradición marítima, cultura e turismo
― A representante do Goberno autonómico destacou que o Barbanza ofrece un modelo de turismo diferente: máis sostible, máis lento, máis respectuoso, que non busca a masificación, senón a experiencia con significado; que desestacionaliza, reparte fluxos e xera un impacto positivo real no territorio
A delegada da Xunta de Galicia, Belén do Campo, participou hoxe en FITUR na presentación da VI Ruta Náutica Rías Baixas – Camiño de Santiago Ría de Muros Noia, unha iniciativa que definiu como “unha proposta que representa á perfección o que é Galicia e o que Galicia quere ofrecer ao mundo: identidade, historia, cultura, mar e hospitalidade”.
Na presentación no stand de Galicia, a delegada estivo acompañada por Alechu Retolaza, vicepresidente do Monte Real Club de Yates de Baiona, e de Luis Oujo, presidente da Asociación Ría de Muros Noia e alcalde de Porto do Son, así como de “todas as persoas e entidades que fan posible esta iniciativa e que hoxe presentamos”.
A representante da Xunta puxo en valor esta ruta náutico-peregrina que combina a navegación polas Rías Baixas cun tramo final a pé ata Santiago de Compostela, integrando tradición marítima, cultura e turismo. “Falamos dunha experiencia que une o mar e a terra, o esforzo e a espiritualidade, o patrimonio natural e o patrimonio histórico”, sinalou.
A delegada lembrou que a ruta se inspira nas antigas travesías de peregrinos que chegaban por mar a Galicia, recuperando un legado histórico fundamental durante séculos. “Porque o Camiño de Santiago non foi só camiñado: tamén foi navegado”, afirmou.
O percorrido náutico abrangue centos de millas mariñas, pasando por lugares emblemáticos do litoral galego como Baiona, as Illas Cíes, Combarro, A Pobra do Caramiñal, Muros ou Portosín. Tras a navegación, as persoas participantes completan a fase terrestre do Camiño ata a Catedral de Santiago. “A chegada ao Obradoiro, cargada de emoción, marca o final dunha experiencia transformadora que une mar e terra, tradición e descubrimento”, destacou.
A delegada subliñou tamén que “non estamos ante unha recreación simbólica, senón ante un camiño plenamente recoñecido”, e puxo esta iniciativa como exemplo do potencial do territorio das Rías Baixas e do Barbanza.
Concretamente, a Asociación Ría da Estrela (que agrupa aos concellos de Porto do Son, Lousame, Muros, Noia e Outes) presentou dúas novas peregrinacións marítimas. Unha con etapa previa en Oporto, VI Ruta Rías Baixas-Camiño da Ría Muros Noia, a peregrinación marítima máis numerosa da historia moderna non competitiva e co maior número de participantes na Europa Atlántica, que este ano afronta o reto de iniciarse en Portugal e outra nova ruta de peregrinación máis ligada á navegación histórica de mariñeiros como Pietro Querini, un dos primeiros roteiros de peregrinación documentadas do Camino da Ría de Muros Noia e base do roteiro cultural Vía Querinissima, que vincula a catorce países de Europa.
Neste sentido, salientou que estas rutas “devolven ao mar o seu papel como camiño, como vía cultural e espiritual, e conecta o presente cun pasado profundamente europeo”, indicou.
Ademais, destacou que se trata “dun modelo de turismo diferente: máis sostible emáis respectuoso”, que “non busca a masificación, senón a experiencia con significado; que desestacionaliza, reparte fluxos e xera un impacto positivo real no territorio”.
A delegada explicou que a ruta xera unha economía transversal que implica hostalería, comercio local, servizos náuticos, cultura e gastronomía, pero que vai máis alá do impacto económico. “Aquí non se venden só destinos, senón historias, tradicións e identidade”, afirmou.
Finalmente, desde a Xunta de Galicia felicitou e agradeceu ás entidades organizadoras, aos concellos implicados e a todas as persoas que fan posible esta iniciativa, “porque están construíndo futuro desde a historia e proxectando Galicia ao mundo sen perder a súa esencia”.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.