Saturday 23 de November de 2024

As Rexións Europeas debaten a estratexia sobre migración e a reforma do sistema de asilo proposto pola Comisión Europea


O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe nunha reunión do Comité das Rexións, durante a que se analizaron os desafíos formativos, laborais e de integración que implica a reforma do sistema comunitario de asilo anunciada pola Comisión Europea

A Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Internacionais e Exteriores (CIVEX) do Comité das Rexións (CdR), na que Galicia participa a través do director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, debateu hoxe as implicacións a nivel rexional e local da reforma da política europea. A intención da Comisión Europea, exposta nunha comunicación do pasado 6 de abril baseada na aplicación da Axenda Europea de Migración, é garantir a distribución equitativa dos solicitantes de protección entre os países membros. Este obxectivo supón reformar o Sistema Europeo Común de Asilo, de maneira que non sexan uns poucos estados os que carguen coa responsabilidade de atender aos refuxiados. O vixente Regulamento de Dublín, que amosou os seus límites coa chegada masiva de inmigrantes sirios ás costas gregas, establece que é no primeiro punto de entrada a territorio comunitario onde debe xestionarse a petición.

“Nunha cuestión desta importancia hai que fuxir tanto da sobreactuación como da improvisación. Ao abordar a política migratoria europea debe usarse un enfoque global e integrada a escala comunitaria, dado o principio de solidariedade entre os Estados membros”, asegura o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo. O representante galego ante a comisión CIVEX aposta por “un sistema integrado de cualificación dos demandantes de asilo, así como polo establecemento de vías de acceso seguras para facer efectivo o dereito que asiste a estas persoas e deste xeito evitar a lamentable situación actual dos campos de refuxiados”.

O debate estratéxico deu conta das aportacións máis recentes do Parlamento Europeo sobre a reforma do sistema de asilo, entre as que destaca a aprobación dun informe sobre a Axenda Europea de Migración na sesión plenaria da semana pasada. A directora de Migración e Mobilidade da Comisión Europea, Belinda Pyke, expuxo, pola súa parte, os plans do brazo executivo da UE, esbozados na comunicación do pasado 6 de abril para evitar a presión excesiva sobre os países de entrada dos solicitantes.

Jesús Gamallo considera que “a UE debe avanzar cara a harmonización das normas de asilo porque só desta maneira se evitará un asilo á carta e que se concentren as peticións nalgúns Estados membros”, precisamente un dos principais obxectivos da reforma que prepara a Comisión.

No marco desta reforma, os entes rexionais e locais solicitan participar en maior medida na xestión das migracións e das políticas que se leven a cabo en materia de integración, formación e acceso ao mercado de traballo e á vivenda. Ao mesmo tempo, piden que se teñan en conta as necesidades de recursos que esta tarefa implica para as administracións máis próximas aos cidadáns.

O Comité das Rexións seguirá moi de preto a proposta de reforma e atribuirá aos seus membros a elaboración de tres ditames sobre o I Paquete de Reforma do Sistema Europeo Común de Asilo, o Paquete de Migración Legal e o Plan de Acción sobre a Integración dos Nacionais de Terceiros Países anunciados pola Comisión, que a Comisión Europea ten previsto lanzar durante os meses de maio e xuño.

Radicalización
A comisión deu tamén o seu visto bo ao borrador de ditame defendido por Bartolomeus Somers, alcalde de Malinas (Bélxica), sobre a loita contra a radicalización e o extremismo violento e os mecanismos de prevención de ámbito local e rexional. O texto insta á Comisión para que anime aos Estados a aplicar política máis activas contra a discriminación, especialmente nos ámbitos ámbitos da educación, o mercado laboral e a vivenda.

Seguimento da subsidiaridade.
Os membros de CIVEX analizaron nesta encontro o informe do 2015 sobre a subsidiaridade, elaborado pola correspondente rede de seguimento do Comité das Rexións. No documento destácase a celebración da 7º Conferencia sobre Subsidiaridade organizada en novembro de 2015 polo CdR na sede do Parlamento flamenco en Bruxelas. Nela participaron máis de 200 representantes de institucións nacionais e comunitarias, entre eles a directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa da Xunta, Natalia Prieto, que explicou a experiencia práctica galega e as iniciativas do goberno galego para lexislar mellor e acadar unha xestión pública máis eficiente e áxil.

Finalmente, a comisión CIVEX deu luz verde a un ditame sobre a Estratexia de ampliación da UE 2015-2016 e celebrou un primeiro intercambio de opinións sobre a revisión da Política Europea de Veciñanza con vistas a aprobar o ditame na vindeira reunión do 23 de xuño. Os membros reelixiron tamén ao francés François Decoster (ALDE) como presidente da comisión, logo de que o político galo renovase o seu mandado como vicepresidente do Consello Rexional de Nord-Pas-de-Calais-Picardie.

A comisión CIVEX
O Comité das Rexións (CdR) é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. Está composto por 350 membros, 21 dos cales son españois. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE.

Neste mandato 2015-2020, Galicia participa na comisión CIVEX, que se encarga de temas como a cidadanía activa, a política de inmigración e as relacións exteriores, e na comisión NAT, sobre desenvolvemento rural e Política Agraria Común (PAC), pesca e recursos naturais.