O Goberno local vai levar previsiblemente ao Pleno ordinario deste mes de abril o proxecto de Ordenanza de transparencia, acceso á información pública e reutilización de datos da Administración do Concello de Santiago. O texto, que pasará mañá pola correspondente comisión informativa, ten como obxectivo adaptar ás especificidades de Compostela a Lei 19/2013, coñecida como Lei da Transparencia. Esta normativa estatal entrou en vigor o 10 de decembro de 2015 para os concellos e as comunidades autónomas e, no caso de Santiago, o Executivo local xa foi dando algúns pasos para o seu cumprimento.
A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo foi a encargada de presentar o proxecto da Ordenanza. Marta Lois lembrou que “a transparencia e o libre acceso aos datos públicos convertéronse nunha demanda social inescusable que, ademais, mellora a eficacia da xestión pública”. A voceira do Goberno incidiu en que “o Concello de Santiago non é alleo a esta esixencia dunha administración eficaz, participada e con paredes de cristal”. Por iso, salientou, “a proposta do Executivo local vai incluso máis alá das esixencias da Lei Estatal de Transparencia”. A ordenanza regula a información que deben facer pública o Concello e as entidades a el vinculadas, e tamén o xeito no que se lle debe facilitar ás persoas que soliciten datos concretos da administración.
Unha ordenanza ambiciosa
Marta Lois explicou que o proxecto que o Goberno someterá á aprobación do Pleno parte da Ordenanza de Transparencia redactada pola Federación Española de Municipios e Provincias, que despois foi adaptada pola FEGAMP. Este modelo tipo “foi redactado por un grupo coordinado por persoas recoñecidas no ámbito xurídico e práctico da transparencia, incluíu achegas de grupos civís como a Fundación CIVIO e foi recoñecido publicamente como positivo por diversas entidades”. Aínda así, a Ordenanza de transparencia, acceso á información pública e reutilización de datos da Administración do Concello de Santiago vai máis alá das esixencias da Lei de Transparencia de 2013 en varios aspectos. O primeiro deles é a consideración do dereito de acceso á información pública como un dereito fundamental e non só constitucional, tal e como ten apoiado o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos.
O proxecto de ordenanza compostelá é máis esixente tamén no que ten que ver coas entidades que están obrigadas a publicar a información, incluíndo ás concesionarias de contratos administrativos. Tamén se amplía a lista de datos que o Goberno e os grupos municipais teñen que facer públicos, incluíndo as axendas de todos os concelleiros e concelleiras, a información completa de cargos eventuais (currículos e retribucións) e a relación de gastos anuais dos grupos municipais. Finalmente, unha vez estea en vigor a ordenanza, se finalmente sae adiante a proposta do Goberno, o Concello estará obrigado a realizar un inventario de activos municipais.
A Ordenanza regula a publicidade activa da información á que están obrigadas sete áreas concretas da administración municipal: Institucional, organizativa, publicación e persoal; Altos cargos; Xurídica e patrimonial; Contratación, convenios e subvencións; Económica, financeira e orzamentaria; Servizos e procedementos; e Urbanismo e medio ambiente. A información publicarase na web do Concello, e tamén se lle deberá entregar a calquera persoa que o solicite, salvo que estea xustificado o contrario.
O proxecto contempla a creación dunha Comisión de Transparencia, que se encargará de realizar unha avaliación periódica do cumprimento do texto.
Cara unha administración máis transparente
A aprobación desta Ordenanza será un paso máis no camiño xa iniciado polo Goberno para conseguirmos un Concello máis transparente. Nesa liña, xa está en fase de licitación o Plan estratéxico de transparencia, bo goberno e administración electrónica. O seu obxectivo é establecer unha folla de ruta para todo o mandato no que ten que ver coa transparencia, tanto desde o punto de vista normativo como da formación do persoal municipal. Tamén se está elaborando un prego de xestión de expedientes que permita a implantación da administración electrónica no Concello de Santiago.
Ademais, está previsto que no prazo aproximado dun mes estea operativo o novo Portal de Orzamentos, que permitirá que a cidadanía vexa e entenda os orzamentos do Concello, e o estado de execución dos mesmos dun xeito periódico. Por último, estase traballando na renovación da web municipal para mellorar sensiblemente o apartado dedicado á transparencia. Actualmente xa se poden consultar algunhas cuestións, como os soldos do alcalde e de todos os concelleiros e concelleiras, ou as retribucións do persoal laboral de Compostela Aberta.