Thursday 22 de January de 2026

A Xunta homenaxea a Siro López no Día da Ilustración con máis dunha vintena de actividades


— As bibliotecas de xestión autonómica levarán a cabo exposicións, obradoiros, sesións de narración oral, concursos de caricaturas e mostras bibliográficas

— A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude colabora coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración nas accións en recoñecemento a este caricaturista político, retratista, debuxante e pintor

— ‘As Furgotecas’ súmanse aos festexos convidando a participar en murais e colaxes colectivas en honra do artista ferrolán

A Xunta de Galicia conmemorará o Día da Ilustración 2026 con máis dunha vintena de actividades nas bibliotecas de xestión autonómica ao redor da figura e obra do artista Siro López, artista homenaxeado este ano. Así a presentou hoxe o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, quen precisou que a programación abrangue unha exposición, un vídeo, obradoiros, sesións de narración oral, concurso de caricaturas e un mural e colaxe comunitaria, ao que se sumarán mostras bibliográficas sobre a traxectoria deste artista natural de Ferrol.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou a colaboración da Xunta coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, tanto na organización da exposición como na creación do vídeo, realizado pola Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, ao redor de Siro, do que salientou “o seu coñecido e recoñecido traballo como caricaturista político e humorista gráfico”, ademais doutras facianas como retratista, debuxante e pintor.
En canto á parte gráfica, Anxo M. Lorenzo puxo en valor a creatividade da artista Clara Cerviño, creadora do cartel deste ano, ao tempo que fixo fincapé en que se decidise seguir recoñecendo e enxalzando, a través desta efeméride, o traballo dun artista en vida, tal e como se decidiu o pasado ano con Xosé Vizoso.
Na presentación da programación, o director xeral de Cultura explicou que a peza central será a exposición Siro. A vida nun lápis, que se inaugurará na Biblioteca de Galicia, situada na Cidade da Cultura, o 30 de xaneiro e que estará aberta ao público ata o 10 de maio. Precisamente, nestas instalacións tivo lugar o anuncio polo miúdo das actividades, no que estivo presente o propio homenaxeado deste ano co Día da Ilustración.
Ademais desta exposición, a Biblioteca de Galicia acollerá o sábado, 31 de xaneiro, ás 17,30 e 19,00 horas, respectivamente, dúas sesións do obradoiro Coñecendo a Siro cun lapis na man, que estará dirixido a rapaces de 8 a 12 anos.
Sesións de narración oral para os cativos
Continuando na cidade de Santiago de Compostela, a Biblioteca pública Ánxel Casal ofrecerá unha programación que inclúe unha sesión de contacontos ilustrado o sábado, 31 de xaneiro, ás 12,00 horas. Co nome de Pintando o humor con Siro, a cativada de entre 3 e 8 anos gozará dunha actividade lectora ao tempo que creativa.
Ademais, tamén celebrará unha charla coa escritora Emma Ríos baixo o título A Aventura creativa de anzol, que terá lugar o 6 de febreiro, ás 19,00 horas. A esta actividade, súmase a exposición pública de orixinais da novela gráfica Gloria, que pode verse nestas instalacións ata o 13 de febreiro.
Pola súa banda, a Biblioteca pública Miguel González Garcés, na Coruña, acollerá a mesma xornada da efeméride, o 30 de xaneiro, unha sesión de contacontos que, baixo o título Periplo Atlántico, achegará a cativada de catro anos ao mundo da ilustración. A maiores, ao dia seguinte, o sábado 31, desenvolverá o obradoiro Rachando gaiolas de Xosé Tomás, que está convocado para as 12,00 horas. Está actividade creativa está dirixida a nenos de entre 8 e 12 anos. Ademais, tamén terá aberta ao público, ata o 7 de marzo, unha exposición dedicada ao autor homenaxeado.
Obradoiro coa Premio Nacional de Cómic
Xa na provincia de Lugo, a biblioteca xestionada pola Xunta ofrecerá, o sábado 31, un obradoiro impartido por Bea Lema, Premio Nacional do Cómic 2024 pola obra O corpo de Cristo. Trátase dun taller de creación de ilustracións con tecido e fío, que leva por título Arpilleiras. Está dirixido a rapazada de entre 6 e 12 anos e terá lugar ás 12,00 horas.

Na Biblioteca Nós, en Ourense, organizaranse dous obradoiros. O primeiro deles, este mesmo sábado, 24 de xaneiro, ás 12,00 horas, para nenos e nenas de entre 7 e 12 anos e estará a cargo de Sabela Gago. Esta actividade complétase con Dicionario de espellos, un taller con Pablo Otero e Mark Ritchie, no que non hai límite de idade. Artellarase ás 11,30 horas o sábado 31 de xaneiro.

En Pontevedra, a Biblioteca pública Antonio Odriozola ten previsto unha programación que comeza mañá venres, 23 de xaneiro, coa posta en marcha dun obradoiro de debuxo, impartido por Yago García. Poderá participar cativada de entre 8 e 12 anos e impartirase ás 18,00 horas.
A mesma xornada do Día da Ilustración terá lugar un contacontos ilustrado, organizado Polo Correo do vento, ao que se lle sumará un taller de ilustración científica, que terá lugar o sábado, 31 de xaneiro, a cargo de Eva Cacavelos e Nair Vilas, membros do Instituto de Investigacións Mariñas do Centro Superior de Investigacións Científicas. Celebrarse ás 11,00 horas e está dirixido a rapazada a partir dos 16 anos.
Pola súa parte, na Biblioteca pública Juan Compañel, en Vigo, celebrarán o Día da Ilustración cun obradoiro de creación de mensaxes secretas dirixidas a Siro López, no que poderán participar cativada de entre 4 e 12 anos, e que se desenvolverá a partir das 18,00 horas. Ademais, o sábado, 31 de xaneiro, organizarase, ás 12,30 horas, outro taller de banda deseñada, impartido por María Villar, e dirixido tamén a nenos e nenas da mesma franxa de idade. Engádeselle a esta programación unha sesión de contacontos en inglés, na mesma xornada, pero ás 12,00 horas.
‘A Furgoteca’ convida a participar en murais e colaxes
O servizo de biblioteca móbil A Furgoteca, que facilita o acceso á lectura en 20 concellos das provincias de Lugo e Ourense de menos de 20.000 habitantes tamén se suma a estes festexos coas súas tres rutas.
Deste xeito, en Ourense, a ruta sur xa está a organizar un concurso de caricaturas de Siro López, que está a levar por todos os concellos nos que ofrece este servizo e que se desenvolverá ata o 30 de xaneiro. Esta mesma actividade tamén se pode gozar na de Lugo, no mesmo período de tempo e polas localidades onde se leva a cabo esta dinamización lectora móbil.
Mentres, a ruta de Ourense Occidental, artellou para o 29 de xaneiro, a partir das 11,25 horas, a elaboración colectiva dunha colaxe. Será na casa comunitaria Xacebáns. Ademais, no Concello de Padrende, A Furgoteca convidará a participar nun mural comunitario, a través das achegas artísticas que irán sumando as súas persoas usuarias ao longo da ruta e que se celebrará durante toda a xornada do Día da Ilustración.

Deja un comentario