Unha unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) trasladarase o vindeiro mércores, 28 de xaneiro, ao Concello de Neda, para propiciar que a veciñanza poida doar sangue. Así, está previsto que o bus permaneza diante da Casa da Cultura de 9.30 a 14.30 horas e de 15.30 a 21 horas.
Poderán doar as persoas de entre 18 e 70 anos, que pesen máis de 50 kg, e gocen de boa saúde. Lembran dende ADOS que os hospitais galegos precisan cada día entre 400 e 500 doazóns de sangue para manter a súa actividade (urxencias, operacións, tratamentos…). De aí a importancia de colaborar. Ademais, as persoas que visiten o bus e o desexen poderán iniciar o seu rexistro como doantes de medula ósea.
O Concello anima á veciñanza a participar na campaña “Doa sangue. O mellor agasallo”, subliñando que cada doazón pode chegar a beneficiar a tres persoas diferentes. Os distintos compoñentes sanguíneos (plasma, plaquetas e glóbulos vermellos) adoitan utilizarse por separado. Deste xeito, un só doante posibilita a recuperación de tres pacientes.
Para doar cómpre acudir á unidade móbil levando a tarxeta de doazón, DNI ou documento similar de identificación. E haberá que informar ao médico no caso de tomar medicación. Ante calquera dúbida, a cidadanía ten á súa disposición o número de información gratuíto 900100828.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.