A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e o alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, visitaron esta actuación, que complementa a realizada en 2022 na que se investiron 150.000 €
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e o alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro Tato, visitaron esta mañá o polígono de Camporrapado, que o pasado ano recibiu 60.000 euros para a mellora dos seus accesos viarios ao abeiro das axudas para a habilitación e mellora das infraestruturas dos parques empresariais. Un programa que a Xunta de Galicia volverá a convocar na primeira semana de febreiro e que terá un importe de 3,1 millóns de euros, segundo avanzou hoxe a conselleira.
Unha visita na que estivo acompañada pola directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, así como polos concelleiros de Obras, Manuel Fernández Munín; Economía e Facenda, José Manuel Iglesias; e Servizos Sociais, Ángela Conde.
As obras consistiron na mellora de varios camiños que rodean o polígono empresarial de Camporrapado a través do reforzo do firme cunha capa de aglomerado en quente de 5 centímetros, previa reparación de fochancas con grava e tratamento asfáltico semiprofundo. En total, actuouse sobre unha superficie de 1.795 m2 onde ademais, e para mellora da seguridade dos peóns, executouse unha senda peonil de 195 metros de lonxitude e cun ancho medio de 1,8 metros, mediante 20 centímetros de zahorra e 15 centímetros de formigón de cor.
A maiores, e para unha mellor recollida de augas pluviais, construíuse unha rigola de 30 centímetros de formigón e instalouse unha tubaxe ao longo deses 195 metros de senda, con 12 arquetas sumidoiro e seis pozos de rexistro na calzada. As obras remataron coa limpeza das cunetas e a colocación da sinalización horizontal, co correspondente pintado de liñas de bordo e símbolos de tráfico. Este parque empresarial de Boqueixón foi un dos 73 que resultaron beneficiados en toda Galicia na convocatoria de 2025. Deles, 28 na provincia da Coruña; 22 na de Lugo; 7 en Ourense e 16 en Pontevedra.
Este investimento súmase ao realizado pola Xunta de Galicia e o Concello de Boqueixón no segundo semestre de 2022. Un proxecto no que se investiron 150.000 euros, dos que 120.000 procedían tamén dunha subvención da administración autonómica para a mellora dos viarios perimetrais do polígono de Camporrapado e que dan acceso ás empresas aló afincadas. Unha actuación na que se realizou a preconexión á rede de saneamento municipal das propiedades anexas ás estradas e se fresaron os entronques destes camiños coa AC-960 A Susana-Vila de Cruces.
Nova convocatoria
Lorenzana explicou que as axudas da convocatoria que se abrirá na primeira semana de febreiro cobren ata o 80% do investimento subvencionable, cun máximo de 120.000 euros para as solicitudes individuais e de 138.000 para as conxuntas. Como novidade, sinalou que este ano tamén se poderán destinar a mellorar as infraestruturas e espazos públicos do parque empresarial para contribuír á súa integración paisaxística.
Xunto con isto, as axudas cobren a implantación e melloras na iluminación pública nas plantas de depuración de augas e nos colectores con vertedura á depuradora municipal; na xestión de residuos dentro do parque empresarial; nas infraestruturas viarias ou nos servizos centralizados de subministración de gas e hidróxeno.
A conselleira destacou que a Xunta está facendo un enorme esforzo para executar máis metros cadrados de solo industrial en Galicia alí onde neste momento hai máis demanda. E recoñeceu que isto hai que acompañalo de apoio económico para os concellos que contan xa con parques empresariais en funcionamento onde é necesario acometer obras de mellora.
Actualmente, o Goberno galego está tramitando máis de 8 millóns de metros cadrados de solo industrial, dos cales, 2 millóns son na provincia da Coruña con actuacións como as ampliacións do polígono de Bértoa, en Carballo, e da Sionlla, en Santiago de Compostela ou a urbanización das derradeiras fases do parque empresarial de Morás, no concello de Arteixo.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.