Wednesday 21 de January de 2026

Concedida a licenza de obra para a construción dunha noa nave industrial no parque empresarial


Promovida pola firma larachesa Rodríguez Amado, dedicada ao sector da fontanería en construción e obras hidráulicas.

Hoxe celebrouse unha sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local na que o asunto máis destacado foi a licenza de obra concedida para a creación dunha nova nave industrial no ámbito do parque empresarial á firma larachesa Rodríguez Amado, dedicada ao sector da fontanería en construción e ás obras hidráulicas.

O Concello fai unha valoración positiva porque esta iniciativa favorecerá o desenvolvemento económico local e a xeración de novas oportunidades de emprego, reforzando o modelo de crecemento sostible ligado ao tecido empresarial do termo municipal. Apláudese, tamén, que a empresa promotora sexa local e que aposte por medrar e xerar actividade económica no concello. Ademais, este proxecto supón continuar avanzando cara a consolidación do parque empresarial da Laracha como un referente a nivel galego, tanto pola súa capacidade de atraer investimento como pola creación dun ecosistema económico dinámico e competitivo nese ámbito.
Así mesmo, tamén foi concedida a licenza de obra para a ampliación dunha vivenda unifamiliar na parroquia de Caión.

Noutra orde de asuntos, a Xunta de Goberno Local tamén aprobou concorrer a dúas convocatorias de subvencións dirixidas á posta en valor do patrimonio histórico municipal. Por unha banda, está a liña subvencións do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico para o financiamento de proxectos innovadores para a transformación territorial e a loita contra a despoboación promovidos por Entidades Locais, cunha proposta que presenta o Concello relacionada co desenvolvemento de novas iniciativas dirixidas a continuar poñendo en valor o Castro de Montes Claros. E ao abeiro do programa da Deputación da Coruña para realizar actuacións de protección especial sobre o patrimonio cultural, preséntase un proxecto centrado na recuperación dos restos do conxunto arquitectónico das Torres de Cillobre -recentemente adquiridos polo Concello e catalogados como Ben de Interese Cultural (BIC)- cuxa primeira fase de medidas urxentes tería por finalidade a consolidación das edificacións existentes.

Ademais, acordouse solicitar a participación na convocatoria de subvencións da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para a programación de actividades de dinamización da lectura nas bibliotecas municipais. Durante os últimos anos esta liña de axudas da Xunta de Galicia permitiu reforzar a oferta de propostas culturais e educativas especialmente dirixidas ao público infantil e familiar.
Do mesmo xeito, presentouse unha proposta á Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) no marco do programa de axudas para o financiamento de actividades a desenvolver polas corporacións locais en materia de xuventude.

Deja un comentario