Oito espectáculos —tres musicais e 5 teatrais— compoñen a programación principal para estes meses nos auditorios da Fábrica e Gabriel García Márquez dirixida a público adulto. Fado, indi, pop electrónica, comedia, tradición e thriller teatral conforman un cartel atractivo e variado para a escena local.
A XII edición de ‘Voces cálidas para noites de inverno’ abre ciclo na Fábrica o 7 de febreiro co indi de La Habitación Roja, que presentan o seu novo disco, Crear, o décimo cuarto, no que “resoa todo o imaxinario que a banda foi tecendo ao longo dos seus 30 anos”.
A fadista Carolina Varela tómalle o relevo o 28 de febreiro, unha nova promesa da canción portuguesa, que aos seus 20 anos “segue mantendo unha orgullosa e forte relación coas súas raíces fadistas”. Unha muller que ademais de compoñer os seus propios temas e interpretalos, toca o piano e a viola.
A terceira cita das voces cálidas trae á Fábrica a Sabela, a que é considerada líder da nova escena do pop electrónico galego, avalada por numerosos premios e a gran pegada das súa presenza nas plataformas.
En marzo comeza a tempada de teatro no García Márquez. O día 7 a cargo de Excéntrica con As Desterradas, un drama para público adulto sobre unha pequena comunidade de monxas á beira do Miño, ameazada pola cobiza da xerarquía eclesiástica.
Fran Lareu e Anxo García escenifican o 14 de marzo Un tal Romeo en torno á famosa obra de William Shakespeare, unha ironía metateatral de contrastes e tensión rítmica entre ondas coreográficas: “Que difícil é querer, que difícil é quererse”, di a súa directora, María Peinado.
O procesamento de Curros Enríquez, en 1880 por Aires da miña terra tras a denuncia do bispo de Ourense é o punto de partida de Cándido Pazó para construír unha peza teatral en ton de sainete cómico, conectando aqueles feitos co actual “lawfare”. O Proceso represéntase o 21 de marzo no auditorio meracho.
Unha nova versión teatral do clásico Memorias dun neno labrego de Neira Vilas, subirá á escena da man de Cándido Pazó o 11 de abril no García Márquez. “Seguimos a súa voz sincera e sensible mentres narra a vida cotiá galega dos anos 40”, din os autores desta versión teatral na que se recrea esa Galicia rural que se foi diluíndo ou transformando.
Xa por último, o 18 de abril finaliza o ciclo invernal cun espectáculo cómico, irónico e poético sobre a moda e a súa relación co consumo, o recoñecemento social, a contaminación, a saúde e as condicións laborais: Alta Costura un texto de Tiago Alves que ofrece unha comedia visual con actores, bailaríns e música que propoñen “un organismo vivo en constante movemento”.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.