— A directora xeral de FP participa na apertura das IX Xornadas Bisiona na Escola de Pablo Picasso da Coruña, aliñadas cos obxectivos do Plan EDUC-ART
— O evento, que se desenvolver ata o venres, reúne a profesionais destacados do eido da fotografía, a ilustración, o deseño e a escultura entre outros
A directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, participou hoxe na inauguración da IX edición das Xornadas de Arte e Deseño Bisiona celebrada na Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso da Coruña, un centro da Xunta de Galicia. O encontro, que se desenvolve ata o venres, destaca por achegar ao alumnado a diversas realidades creativas a través de profesionais de eidos como a fotografía, a ilustración, o deseño e a escultura, entre outros.
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP puxo en valor “o talento e o compromiso pola calidade educativa que define a traxectoria da Escola Pablo Picasso” e sinalou que citas como Bisiona permiten “ampliar a mirada dos estudantes cara a distintos ámbitos profesionais das artes e do deseño, favorecendo unha formación máis completa, aberta e adaptada aos retos actuais”.
Neste sentido, destacou que o enfoque das Xornadas Bisiona encaixa cos obxectivos do Plan EDUC-ART, orientado a modernizar e adaptar as ensinanzas artísticas ás novas realidades sociais, culturais e produtivas do país. Entre as metas desta iniciativa atópase impulsar as ensinanzas artísticas e reforzar un modelo formativo práctico, innovador e estreitamente conectado coa realidade profesional. Precisamente, o abano de especialidades presentes na cita ofrecen ao alumnado unha panorámica diversa das múltiples saídas profesionais destes estudos.
O evento conta coa colaboración do Conservatorio Superior de Música da Coruña, con actuacións do seu alumnado ao inicio de cada xornada. Todas as actividades desenvólvense no salón de actos con acceso aberto ao público ata completar aforo.


Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.