Thursday 22 de January de 2026

O Concello de Ribeira repartirá 6.000 euros no festival de murgas e comparsas do Entroido


 Carla Núñez e Marcos López, caras do podcast Todo Mal, exercerán de presentadores

O Concello de Ribeira prepara todo xa para vivir o seu Entroido. Por iso, publicou xa as bases do concurso do desfile de murgas e comparsas de Ribeira neste 2026, o cal repartirá 6.000 euros en premios e gratificacións. O dito festival desenvolverase no martes, 17 de febreiro, festivo local, a partir das 17.00 horas, nunha carpa que se instalará no Malecón. Carla Núñez e Marcos López, caras do podcast Todo Mal, exercerán de presentadores dunha gala onde non faltará a retranca e o humor.
“Quecemos xa motores para o que nos depara o Entroido en Ribeira.
Este é só un adianto da programación cultural e festiva na que estamos traballando para dinamizar o noso municipio e vivir estas datas como se merecen. E, como non podía ser doutro xeito, non podía faltar o tradicional festival de murgas e comparsas que contará con dous presentadores excepcionais como son Carla Núñez e Marcos López, do podcast Todo Mal, polo que as risas e a interacción co público están máis que aseguradas”, indica a concelleira de Cultura, Ana Barreiro.

Tal e como se recollen nas bases, establécense tres categorías: murgas adultos, murgas infantís e comparsas. A data límite de inscrición é o domingo, 8 de febreiro. Esta formalizarase presentando a documentación no Rexistro Xeral do Concello, ben sexa de maneira presencial ou telemática a través da sede electrónica municipal).

A contía de 6.000 euros destinada a este evento divídese do seguinte xeito: 3.200 euros para as gratificacións e 2.800 euros para os premios. As gratificacións por participación serán dun máximo de 200 euros por cada murga adulta, infantil ou comparsa. No caso de que algunha entidade ou asociación estea representada en murga e comparsa, a gratificación será en conxunto por un importe de 299 euros.

As murgas na categoría de adultos poderán optar a un primeiro premio de 1.000 euros, un segundo de 600 euros, un terceiro de 400 euros ou a distinción á mellor murga local con 800 euros.
Toda a información detallada e anexos están dispoñibles na web municipal www.ribeira.gal.

Deja un comentario