Iago Tabarés exixe ao PP que revogue inmediatamente a medida e priorice a xustiza de proximidade, especialmente en concellos como Ribeira, O Carballiño ou Verín
O Parlamento galego aprobou por unanimidade unha proposición non de lei presentada polo Bloque Nacionalista Galego para reverter a comarcalización das seccións de violencia sobre a muller nos tribunais de instancia de Ourense e Santiago de Compostela. A medida, impulsada polo deputado Iago Tabarés, centraliza a instrución de todos os asuntos de violencia machista e delitos contra a liberdade sexual destas materias en apenas dúas cidades, eliminando a competencia de 13 tribunais repartidos por distintas vilas de Galiza.
Durante a súa intervención, Tabarés alertou das graves consecuencias que xa está a ter esta reorganización: “Estamos ante unha medida altamente prexudicial que atenta contra o equilibrio territorial, pois elimina servizos de xustiza no rural, e que compromete o funcionamento da Administración de Xustiza ao abocar á saturación ás unidades xudiciais de nova creación”. Con todo, subliñou que o “máis grave é a revitimización das denunciantes”, que se ven obrigadas a desprazarse “máis de 100 km” en momentos críticos para realizar recoñecementos ou dilixencias, abandonando a súa zona de confianza.
O deputado nacionalista enumerou localidades como Ribeira, O Carballiño, Verín, Noia, Ordes ou Ribadavia, entre outras, que perderon a competencia en violencia de xénero. Segundo os datos aportados, a sección de Ourense asumiría case 2.400 asuntos (un 60% por riba do límite máximo orientativo), mentres que a de Santiago duplicaría con creces ese límite, cun volume que supera o 121% do considerado viable, “o que aboca á saturación e compromete a calidade do servizo”.
Tabarés criticou duramente o papel do Goberno galego neste proceso, recordando que a decisión “preceptivamente debía contar con informe previo da Xunta”, algo que “non sucedeu” no caso do Consello Xeral do Poder Xudicial, e que no segundo, a Xunta “sorprendentemente non expresou disconformidade” algunha. “A Xunta do PP presentou iniciativas en concellos e na Deputación de Ourense contra a comarcalización, pero o certo é que estaba de acordo”, sinalou, esixindo agora unha “rectificación” e un traballo “decidido” para revertela.
A proposta aprobada insta á Xunta a adoptar as medidas necesarias, incluída a personación nos recursos xudiciais xa interpostos, para que a xurisdición destas seccións se circunscriba de novo exclusivamente aos seus partidos xudiciais orixinais, garantindo así unha xustiza próxima, eficaz e sen revictimizar ás mulleres.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.