Wednesday 21 de January de 2026

Sandra Insua alza a voz en FITUR en defensa dos mariñeiros de Camariñas fronte ás novas normativas europeas


● A alcaldesa amosou o seu apoio rotundo ao sector tras as mobilizacións do luns en Madrid e agarda que “tal e como se acordou, rectifiquen e cumpran co prometido”.

● Insua criticou a norma que obriga a avisar con catro horas de antelación a chegada a porto: “Camariñas é Costa da Morte, obrigar a un barco a esperar ese tempo nun temporal é poñer en xogo vidas”.

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, converteu hoxe a presentación do municipio na Feira Internacional de Turismo (FITUR) nunha tribuna para a defensa do sector primario local. Durante o acto celebrado no stand de Turespaña, un escenario clave para a proxección internacional, a rexedora interrompeu o discurso promocional turístico para lanzar unha mensaxe de apoio firme aos armadores e mariñeiros da localidade fronte aos recentes controis impostos por Bruxelas á flota artesanal.

No marco da presentación da campaña turística para 2026 —centrada no paraíso natural de Trece, Reira e Vilán— e do cartel da XXXV Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña, Insua quixo lembrar que a paisaxe do concello non se entende sen o esforzo da súa xente do mar.

A rexedora fixo referencia directa á manifestación celebrada este pasado luns en Madrid, onde o sector pesqueiro protestou contra medidas como a obriga de pesar e rexistrar as capturas a bordo ou de notificar a chegada a porto con catro horas de antelación. Alí, chegaron a un acordo para flexibilizar estas medidas e a rexedora agarda que a palabra dada chegue a bo porto. “Agardo que, tal e como se acordou, rectifiquen este sen sentido e cumpran co prometido”, indicou.

“Porque falar do mar en Camariñas non é só falar de paisaxes idílicas, é falar de vida e sacrificio”, asegurou Insua ante as autoridades e medios presentes. A alcaldesa cualificou as normativas comunitarias como unha mostra de “descoñecemento da realidade da flota artesanal” e foi contundente respecto á seguridade dos traballadores: “Non podemos esquecer onde estamos: Camariñas é Costa da Morte. Cando hai temporal, con olas de seis ou sete metros, obrigar a un barco a esperar catro horas na boca da ría para poder entrar a porto é poñer en xogo as súas vidas”.

Unidade na defensa dos veciños

Sandra Insua recalcou que o Concello de Camariñas está ao lado dos seus veciños nesta reivindicación, lembrando que a corporación facilitou o desprazamento dos mariñeiros ás protestas na capital. “Na defensa dos nosos veciños non hai cores políticos; a nosa obriga é estar ao seu lado, apoiando a súa seguridade e o seu futuro”, sentenciou.

A intervención da alcaldesa foi o preámbulo á proxección do vídeo promocional deste ano, que pon en valor a bravura do mar e a beleza da contorna de Cabo Vilán, servindo a reivindicación política para subliñar o carácter indómito e auténtico do territorio camariñán.

Deja un comentario