Wednesday 21 de January de 2026

O Concello activa desde este mércores unha nova campaña de control de bicicletas e patinetes


A Policía Local intensificará a vixilancia para mellorar a seguridade viaria e promover un uso responsable destes vehículos

O Concello da Coruña, a través da Policía Local, activa desde este mércores unha nova campaña de control específica dirixida ás persoas usuarias de bicicletas e vehículos de mobilidade persoal (VMP), como os patinetes eléctricos. Esta actuación forma parte do Plan Local de Seguridade Viaria impulsado polo Goberno de Inés Rey, co obxectivo de reforzar a convivencia nos espazos públicos e previr condutas que poidan poñer en risco a seguridade da cidadanía.

Durante o ano 2025 rexistráronse na cidade 24 accidentes con implicación de VMP, dos cales 21 foron con vítimas e 3 do tipo atropelo, un deles en zona de andén peonil. A maiores, en controis preventivos sen accidente previo, a Policía Local detectou 4 positivos en probas de alcoholemia e 4 en test de drogas. Ademais, tramitáronse 247 denuncias por infraccións relacionadas coa circulación destes vehículos.

A concelleira de Seguridade Cidadá, Montse Paz, salientou que “estamos a vivir un cambio no modelo de mobilidade da cidade, con cada vez máis persoas facendo uso de bicicletas e patinetes” e engadiu que “o noso papel como administración é acompañar ese cambio fomentando un uso responsable e seguro. Non se trata de sancionar, senón de protexer e informar”.

A campaña incluirá controis específicos nos principais puntos de circulación, cun foco especial en prácticas como circular por zonas peonís, levar auriculares, manipular o móbil durante a condución ou superar o número permitido de persoas por vehículo. Tamén se vixiará o consumo de substancias incompatibles coa condución segura.

Esta nova acción da Policía Local complétase cun labor informativo e pedagóxico, que o Concello xa vén desenvolvendo en centros educativos, centros cívicos e a través de accións a pé de rúa, como as campañas de información sobre o uso de BiciCoruña.

Neste sentido, Montse Paz lembrou que “a cidade está a avanzar cara a unha mobilidade máis sostible” e asegurou que “o que buscamos desde o Goberno de Inés Rey é garantir que esa transformación se faga con seguridade, con respecto e co compromiso de todas as persoas usuarias do espazo público”.

O Concello lembra que o cumprimento da normativa de circulación é esencial para garantir a seguridade viaria e evitar situacións de risco tanto para quen conduce como para as persoas peoas. Esta nova campaña terá unha duración inicial de dúas semanas, con opción de ampliarse en función dos resultados e da resposta cidadá.

Deja un comentario