● Sandra Insua presentou no stand de Turespaña a campaña de turismo para este 2026 e o cartel da trixésimo quinta Mostra do Encaixe.
● O vídeo turístico nace como un voo soñado sobre un dos treitos costeiros máis icónicos e salvaxes da Costa da Morte: o eixo Trece- Reira – Vilán.
● O lema deste ano da Mostra é ‘Camariñas, onde o fío se converte en arte’, ilustrando que é o punto onde late con máis forza o corazón da artesanía en Galicia.
● “É a campaña turística máis impactante que realizamos”, afirmou a alcaldesa, que salientou que “non me canso de repetir que Camariñas é un paraíso pero a zona de Trece e Reira é algo doutro planeta”.
A Feira Internacional de Turismo (FITUR) que se celebra do 21 ao 25 de xaneiro en IFEMA (Madrid) foi outro ano máis o lugar escollido polo Concello de Camariñas para presentar a súa campaña turística para este ano 2026 e dar a coñecer o cartel da XXXV Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruñas.
Na presentación, realizada no stand de Turespaña, proxectouse o vídeo que funcionará como eixo central da estratexia turística para este novo ano e que supón unha acción máis dentro da campaña ‘E ti… Encaixas no paraíso?’ que o goberno local iniciou hai uns anos para afianzar a Camariñas como destino turístico de referencia en Galicia e fóra das nosas fronteiras.
Ademais, tamén se deu a coñecer o cartel da trixésimo quinta edición da Mostra, que se celebrará, como sempre, en Semana Santa, do 1 ao 5 de abril baixo o lema ‘Onde o fío se converte en arte’, que pretende ilustrar que Camariñas é o punto de Galicia onde late con máis forza o corazón da artesanía.
A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, afirmou que “sen querer parecer esaxerada nin desmerecer ás anteriores, na miña opinión a deste ano é a campaña turística máis impactante que levamos a cabo desde o Concello”. “Porque Camariñas non só é arte no encaixe, tamén é arte esculpido pola natureza”, destacou.
“Se o ano pasado falábamos de Camariñas como un refuxio en xeral, para este 2026 queremos ser máis específicos, queremos levarvos ao epicentro da nosa natureza máis salvaxe, queremos poñer en valor a impresionante contorna de Trece, Reira e Vilán”, explicou a rexedora, que salientou que “non me canso de repetir que Camariñas é un paraíso pero é que a zona de Trece e Reira é algo doutro planeta, é un lugar onde o Atlántico non baña a costa, se non que a abraza con forza, é unha paisaxe sobrecolledora”.
A rexedora comentou que “non hai mellor forma de invitar a que nos veñan a coñecer que ensinando un anaco da nosa alma. Queremos que coñezades a nosa cultura, o noso modo de vida e os nosos paisaxes porque estamos convencidos de que unha vez que vexades a bravura do noso mar e a delicadeza do noso encaixe, será imposible que vos resistades a visitarnos”.
Sobre o cartel da Mostra, que representa o mapa de Galicia tecido con encaixe de Camariñas, indicou que “estamos ante unha data histórica, xa van trinta e cinco anos convertindo ao noso pobo na capital galega e nacional da moda en cada Semana Santa”. “O cartel que hoxe presentamos aquí representa perfectamente esa realidade e é unha homenaxe preciosa ás mans que forxaron e forxan a nosa identidade”, expresou.
Campaña turística
O novo spot turístico do Concello de Camariñas nace como un voo soñado sobre un dos treitos costeiros máis icónicos e salvaxes da Costa da Morte: o eixo Trece – Reira – Vilán. A peza ten ADN camariñán xa que foi ideada e guionizada por Diego Alonso, fotógrafo e creador local, desde Portecelo Networks SL, deseñando todo o percorrido visual e narrativo.
A rodaxe realizouse cun dron acrobático FPV e estivo integramente gravada por Anxo Rial, un dos referentes galegos do FPV, que fixo as funcións de piloto achegando a súa creatividade persoal a cada plano, ademais de encargarse da edición e da montaxe do vídeo baixo a supervisión de Diego. O resultado é unha peza moi coidada, tanto a nivel técnico como emocional.
O spot arrinca ao compás dunha suave música de piano, despregando un primeiro plano cheo de calma sobre o Monte Branco. Desde esa duna mítica, o dron inicia un descenso elegante cara as praias de Trece, deixando que a cámara se deixe levar pola pendente e vaia descubrindo o mar bravo de decembro. O voo continúa con pasadas rasantes sobre as ondas, xogando co escumeiro, ata acadar o Cementerios do Ingleses, onde a emoción se mestura coa memoria histórica deste recuncho único da Costa da Morte.
Desde alí, o percorrido salta cara unha das zonas máis míticas no imaxinario de Camariñas, pero paradoxalmente pouco gravadas: os baixos percebeiros de As Baleas. As rochas emerxen como lombos de balea en medio do mar, e o dron escórrese entre elas para mostrar a forza coa que o océano bate contra a pedra. A continuación entran en escena as espectaculares praias de Reira, cun aumento da intensidade musical e a velocidade do voo, ata que un xiro inesperado leva ao dron a ‘mergullarse’ na auga para, nun corte sorprendente, saír directamente fronte ao faro Vilán, xa en plena exposición épica da banda sonora.
No treito final, o vídeo convértese nun auténtico exercicio de virtuosismo FPV: os voos acrobáticos arredor de Vilán de Fora, do faro Vilán e do Faro Vello debuxan círculos, subidas verticais e cambios bruscos de perspectiva que transmiten toda a potencia deste enclave. O clímax chega cunha caída libre desde a cúpula do faro Vilán ata o mar, salvando os 104 metros de altura nun só lanzamento que corta a respiración. Xa coa música regresando á calma, o dron queda a ras de auga, avanzando cara o horizonte nunha posta de sol desas tan típicas da Costa da Morte, mentres aparece en pantalla a mensaxe: “E ti…? Encaixas no paraíso?”, situando Trece – Reira – Vilán como un dos lugares máis emblemáticos e auténticos de toda a costa galega.
Sandra Insua incidiu en que “este é un espazo único que empezamos a poñer en valor coa consecución das importantes obras de remodelación e sinalización das pistas que percorren este lugar máxico. Un lugar que pertence a todos e cada un dos veciños deste concello de Camariñas e que cada un deles leva no seu corazón.” Este spot é, así, o inicio visible dunha campaña que quere consolidar Trece – Reira – Vilán como a gran bandeira paisaxística e emocional do Concello de Camariñas.
Cartel Mostra
Como nos últimos anos, tamén se presentou en FITUR o cartel e o vídeo promocional da XXXV edición da Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña, que se celebrará en Semana Santa, do 1 ao 5 de abril baixo o lema ‘Onde o fío se converte en arte’.
Nesta ocasión o cartel está deseñado polos irmáns Pedro e Estefanía Orgaz, últimos gañadores do concurso de Noveis Deseñadores da Mostra. A peza representa o mapa de Galicia tecido con encaixe de Camariñas, usando as cores da nosa bandeira para darlle aínda máis sentido á idea.
O obxectivo que se buscou durante o proceso creativo é representar, a través do fío que as palilleiras traballan con mestría a arte que hai en Camariñas, para tecer o mapa de Galicia. A medida que avanza ese traballo artesán, os bolillos quedan colgando e colócanse tres alfinetes que marcar inequivocamente a localización de Camariñas no mapa como capital do encaixe perpetua e da moda galega e nacional durante Semana Santa.
O mapa está feito con encaixe de Camariñas real, realizado a man por unha palilleira para a ocasión. Ese encaixe dixitalizouse despois para crear o cartel definitivo. De aí o slogan desta trixésimo quinta edición: “Onde o fío se converte en arte”, usando o fío das palilleiras para crear unha pequena obra de arte gráfica.
A alcaldesa sinalou que “A XXXV Mostra do Encaixe seguirá na liña dos últimos anos, apostando pola innovación e integración do encaixe nas diferentes artesanías galegas ademais dos desfiles de moda coa presenza dalgúns dos mellores deseñadores e deseñadoras do país e tamén das promesas do mundo do deseño co concurso de jóvenes deseñadores”.
Insua aproveitou a súa intervención no stand de Turespaña para presentar a camiseta oficial da trixésimo quinta edición da Mostra, que este ano está baseada no cartel do evento deseñado polos irmáns Estefanía e Pedro Orgaz.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.