O Concello e o Centro Dramático Galego traen ao novo Auditorio municipal esta función no 6 de febreiro
O Centro Dramático Galego achega a Ribeira unha segunda función con motivo da homenaxe a Xosé Neira Vilas, autor de Memorias dun neno labrego, no décimo aniversario do seu pasamento. Este espectáculo do CDG en coprodución con Contraproducións, baixo a dirección de Cándido Pazó, chega ao novo Auditorio municipal no 6 de febreiro, ás 21.15 horas.
Xúlio Abonjo, Manuel Cortés, Iris Darriba, Mónica García, Federico Pérez Rey, Santi Romay e Ana Santos integran o elenco.
A concelleira de Cultura, Ana Barreiro, estivo acompañada durante a presentación do director do Centro Dramático Galego, Francisco Núñez, e de Cándido Pazó, director da función. “Continuamos de contido o Auditorio municipal, converténdoo en epicentro de difusión cultural e referente comarcal. Volvemos ter en Ribeira ao Centro Dramático Galego cun espectáculo de gran envergadura que homenaxea a un dos grandes das letras galegas como é Xosé Neira Vilas. E quixera agradecer tamén o apoio da Xunta de Galicia por achegar aos ribeirenses, en particular, e ao público da contorna, en xeral, esta montaxe baixo a dirección do reputado dramaturgo Cándido Pazó e un elenco de renome”, manifestou a edil.
Pola súa parte, Francisco Núñez relatou que Ribeira é un dos nove concellos polos que xirará este “espectáculo histórico” que ofrece unha nova versión dun clásico da literatura galega. De feito, existe unha alta demanda de asistencia, estando xa esgotadas as localidades en Santiago de Compostela.
Finalmente, tamén se pronunciou Cándido Pazó, para quen “o teatro é a arte das artes” e, a través desta obra, “tómase a memoria colectiva a través da memoria persoal de Balbino, o protagonista.”
A venda das entradas comeza no venres, 23 de xaneiro, a partir das 09.00 horas. Como xa é habitual, farase simultaneamente na páxina web www.ataquilla.com e de maneira presencial na Oficina de Atención Cidadá da casa consistorial. Para aquelas persoas que opten por adquirilas nas dependencias municipais, o horario será de luns a venres, de 09.00 a 14.00 horas. O prezo sitúase nos 5 euros, con gastos de xestión incluídos.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.