Thursday 22 de January de 2026

O Concello de Brión organiza un obradoiro práctico de primeiros auxilios na infancia


O Concello de Brión, en colaboración coa Escola Galega de Saúde para Cidadáns, organiza un obradoiro de primeiros auxilios na infancia no que 30 veciños e veciñas poderán adquirir coñecementos básicos e resolver dúbidas sobre como administrar os primeiros auxilios a menores. A participación é de balde, previa inscrición na web da Escola Galega de Saúde para Cidadáns (https://acortar.link/S37Yk5).

O curso terá lugar o vindeiro 9 de febreiro, de 16:00 a 20:00 horas, no centro social polivalente brionés. Será impartido por Carlos Prados Sande, diplomado universitario en Enfermería e FPUS 061 Galicia, que explicará como actuar diante de feridas, hemorraxias, reaccións alérxicas, queimaduras, convulsións, crises epilépticas… e ensinará técnicas básicas de reanimación cardiopulmonar ou para evitar atragoamentos.

A concelleira de Servizos Sociais, Rosa Romero, explica que “este curso xurde despois do éxito acadado o pasado mes de outubro coa formación de reanimación cardiopulmonar, pois é moi importante que todas as persoas aprendamos técnicas de primeiros auxilios para saber como actuar diante de determinadas situacións xa que iso pode axudar a salvar moitas vidas”.

Deja un comentario