Thursday 22 de January de 2026

“A mala estrela”, versión libre de “Luces de bohemia”, este sábado no Ciclo de Teatro Afeccionado de Neda


Segunda entrega do I Ciclo de Teatro afeccionado Concello de Neda. Tras o éxito das “Bacantes”, este sábado. 24 de xaneiro, a partir das 20 horas, a compañía ferrolá Opaí teatro- SDR Canido pon en escena “A mala estrela”, primeira versión galega libre da que para moitos é a obra mestra de Valle Inclán, “Luces de bohemia”. Comeza a reserva e venda anticipada de entradas.

Cristina Mariño e Carlos Castrillón fan a súa propia versión deste clásico da literatura española, que supuxo a renovación do teatro nas primeiras décadas do século XX. Coa súa mirada degradante e grotesca da sociedade da época, a obra inaugura o xénero do “esperpento”.
Apuntan dende a compañía que “A mala estrela”, estreada o pasado mes de xuño, “seguindo esa mirada orixinal, crea novas situacións que responden ao mundo actual, e combínanse algúns dos dramas da sociedade actual coa retranca e as escenas de humor máis acedo”.
Conforman o elenco desta obra de Opaí teatro-SDR Canido, dirixida por Cristina Mariño, María Adega, Andrea Bechlian, Marcela Ceballos, Miguel Curveira, Manuel López, Fran Muíño, José Piñeiro e Estela Porta.

Dende hoxe martes comeza a reserva e venda anticipada de entradas para o espectáculo na biblioteca municipal (teléfono 981390233, de 9 a 13 e de 16 a 20 horas). O día da función poderanse conseguir a partir das 17 horas. O prezo das localidades é de 2 euros.

Deja un comentario