Esta semana comezarán as clases en hixiene alimentaria
Un total de 15 persoas remataron o curso de manipulación de alimentos dentro da terceira edición do Programa Integrado de Emprego de Ribeira. A concelleira de Promoción Económica e Emprego, Carmen Pérez, asistiu onte á entrega de diplomas aos participantes. Ademais, nesta semana iníciase a formación básica en hixiene alimentaria e continúase co de manexo de carretilla.
“Seguimos coa aposta na formación como mecanismo para a capacitación e posterior entrada ao mundo laboral. Se a semana pasada comezábamos co de carretilla, nestes días despedimos o de manipulación de alimentos e daremos a benvida ao de hixiene alimentaria. Diferentes cursos para os perfís profesionais que buscan as empresas e adaptándose á demanda das persoas participantes no Programa Integrado de Emprego”, indica a edil.
O Programa Integrado de Emprego, compromiso de inserción laboral do 45%
O Programa Integrado de Emprego de Ribeira conta coa participación dun cento de persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego e residentes nos concellos de Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo e Porto do Son, cun compromiso de inserción laboral do 45%.
Ao longo de doce meses reciben orientación, formación e intermediación laboral baseada nunha metodoloxía que combina a parte expositiva coas dinámicas de grupo, buscando adaptarse ás necesidades e utilizando as novas tecnoloxías para favorecer a comunicación e a conciliación, así como o desenvolvemento de habilidades para a busca de emprego.
O Programa Integrado de Emprego 2025-2026 está promovido polo Concello de Ribeira e subvencionado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia e o Servizo Público de Emprego Estatal.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.