Wednesday 21 de January de 2026

A Pobra solicitará informes á Demarcación de Costas do Estado e á Xunta tras o último vertido na Ribeiriña


· O concelleiro de Medio Ambiente, Xosé Lois Piñeiro, incide na necesidade de “concretar que actuacións se levarán a cabo para pór fin a estas verteduras que teñen un grave impacto a nivel medioambiental”.

O Concello solicitará informes á Demarcación de Costas do Estado, á Xunta de Galicia e ao Instituto Tecnolóxico do Medio Mariño de Galicia (INTECMAR) tras o último vertido rexistrado na Ribeiriña. Así o confirmou o concelleiro de Medio Ambiente, Xosé Lois Piñeiro, que incidiu na necesidade de “concretar que actuacións se levarán a cabo para pór fin a estas verteduras que teñen un grave impacto a nivel medioambiental”.

Tal e como explicou o edil, o Concello non recibiu “ningunha comunicación oficial” por parte dos organismos competentes en relación co último episodio, ocorrido hai aproximadamente unha semana. A pesar desta falta de información previa, o Concello puido saber que a vertedura foi “de escasa entidade” e que quedou solucionada poucas horas despois grazas á intervención do servizo de Salvamento da Xunta de Galicia.

Con todo, Piñeiro subliñou que, malia tratarse dun episodio de pouca envergadura, resulta “esencial que esta situación se resolva á maior brevidade posible”. Por este motivo, o Concello pedirá informes ás distintas administracións con competencias na zona —a Demarcación de Costas do Estado, pola obra executada na contorna hai uns anos, e a Xunta de Galicia, como administración competente en materia de costas— así como ao INTECMAR.

Así mesmo, o concelleiro avanzou que se solicitará a documentación relativa á investigación analítica realizada pola Demarcación de Costas e na que, segundo as informacións publicadas nos últimos días, se constatou a presenza de hidrocarburos que se filtran ao mar, especialmente en días de mal tempo. Ademais, o Concello interesarase polo estado de tramitación e os prazos de presentación do proxecto que a Demarcación de Costas debería presentar no prazo de tres meses.

Deja un comentario