Tuesday 20 de January de 2026

O goberno local de Ribeira reúnese coa veciñanza de Corrubedo e Olveira


 Estes encontros continuarán no resto de parroquias en vindeiras datas

O goberno municipal de Ribeira reuniuse na tarde de onte coa veciñanza de Corrubedo e Olveira dentro das xuntanzas que levará a tódalas parroquias para fomentar a participación cidadá na política local. Estes dous primeiros encontros contaron con elevada participación, onde houbo oportunidade de explicar as actuacións previstas en materia de servizos e infraestruturas a realizar, ademais de recoller as suxestións e resolver dúbidas.

A alcaldesa, María Sampedro, transmitiu que, froito da enquisa participativa cara o POS+2026, a obra que se prevé executar en Olveira ao ser a máis demandada é a do arranxo da pista deportiva do colexio. A maiores, despois do falado en Corrubedo, contémplase a posibilidade de propoñer a construción dun parque infantil na casa do mar.

Tamén informou de que, proximamente, adxudicarase a pavimentación da rúa Buenos Aires, a arteria principal de Corrubedo; e para Olveira está pendente de licitar o saneamento en Cristal e a pavimentación dos accesos no camiño ao aparcamento das Dunas.
Outra das medidas para unha comunicación máis fluída coa cidadanía será a posta en marcha dunha canle para a transmisión de incidencias por parte dos veciños e veciñas.

As demandas da maioría da veciñanza asistente a estas reunións focalizáronse nos mantementos (rozas, limpezas, arranxo de estradas e puntos de luz), así como na mellora da seguridade viaria mediante sistemas a avaliar para a redución da velocidade da velocidade en determinados lugares onde se excede o límite. Os membros dos executivo local comprometéronse a estudar tódalas propostas, entre elas, a da mellora da iluminación pública, que se ve reforzada nos orzamentos municipais do 2025 con 60.000 euros.
“Seguiremos con estas reunións veciñais no resto de parroquias. Consideramos que estas dúas primeiras foron moi frutíferas e xerouse unha boa dinámica de grupo cara a analizar melloras a acometer. Queremos construír unha Ribeira mellor e, para iso, adquirimos un compromiso cos veciños no que é fundamental escoitar para acertar”, en palabras da rexedora.

Deja un comentario