— Os conselleiros de Educación e Sanidade e os reitores das tres universidades públicas galegas asinan o convenio, ratificado onte polo Consello da Xunta
— Luz verde á folla de ruta para regular as novas unidades docentes na Coruña e Vigo e abordar as necesidades humanas e materiais
— Autorízase a incorporación dun representante do alumnado ás reunións desta comisión
A comisión de seguimento encargada de desenvolver o acordo para a descentralización do grao en Medicina acordou hoxe, na súa reunión constitutiva, a creación de dous grupos de traballo para facilitar estas tarefas. Así mesmo, autorizouse a incorporación á mesma dun representante do estudantado.
Un dos grupos de traballo centrarase no aspecto técnico e xurídico, en concreto no regulamento das unidades docentes que haberá que crear nas universidades da Coruña e Vigo para dar materializar a descentralización. O segundo deles terá un carácter económico, coa encomenda de estimar as necesidades humanas e materiais para facela efectiva.
Composición da comisión
Forman parte da comisión de seguimento os conselleiros de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño; os reitores das Universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, Antonio López, Ricardo Cao e Manuel Reigosa; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, e o xerente do SERGAS, José Ramón Parada.
En representación de cada un dos hospitais universitarios actúan Andrés Soto Varela polo Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, Carlos Vázquez Barro polo Complexo Hospitalario Universitario da Coruña e Ana Concheiro Guisán polo Complexo Hospitalario Universitario de Vigo. Así mesmo, forman parte da comisión os vicerreitores de Titulacións en exercicio, é dicir, Moisés Canle pola UDC e Alfonso Lago pola UVigo. No caso da USC, asistiu o vicerreitor de Profesorado, Ernesto González, dado que a Vicerreitoría de Titulacións está vacante neste momento polas próximas eleccións na Universidade. Completan a composición o decano Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC, José Martín Carreira, e o da Facultade de Ciencias da Saúde da UDC, Iván de Rosende.
Sinatura do acordo
Ademais de constituírse a comisión de seguimento, os dous conselleiros e os tres reitores asinaron hoxe o convenio para a descentralización da docencia do grao en Medicina, ratificado onte mesmo polo Consello da Xunta.
A folla de ruta consensuada establece a descentralización progresiva de toda a docencia de Medicina nos tres últimos cursos nas tres universidades públicas galegas, cun cronograma de catro anos académicos, o que permitirá que por primeira vez se poida estudar nas tres cidades todo o segundo ciclo deste grao.
Para iso crearanse unidades docentes nos complexos hospitalarios universitarios da Coruña e de Vigo que acollerán, cada unha delas, o 25% do alumnado matriculado no grao de Medicina no curso descentralizado que corresponda, así como ao profesorado que imparta a docencia. Ademais, o 50% das novas contratacións de profesores adscribirase ás universidades da Coruña e Vigo.
O calendario incluído no acordo establece que no ano académico 2028/29, os cursos 4º, 5º e 6º do grao en Medicina se impartan totalmente descentralizados nos hospitais universitarios vinculados a cada universidade, manténdose a participación no rotatorio do resto dos hospitais públicos galegos e outros centros das respectivas áreas sanitarias.
Os conselleiros salientaron que o obxectivo é poñer todas as potencialidades e talento dos sistemas educativo e sanitario público ao servizo da formación dos futuros médicos e da investigación. Ademais, quixeron tamén poñer en valor a capacidade de todos os axentes implicados para ceder e consensuar a opción máis proveitosa para o ben común.


Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.