· Como explicaron o rexedor, José Carlos Vidal, e o edil, Eloy Sobrido, a de Deportes é unha área que require dunha dedicación moi elevada e dunha presenza constante, algo “moi difícil de compatibilizar” coa dedicación parcial do concelleiro.
O alcalde, José Carlos Vidal, asumirá a área de Deportes. Así o confirmaron, esta mañá, o propio rexedor e o concelleiro, Eloy Sobrido, que continuará ao fronte das áreas de Facenda e Mocidade. Durante a súa intervención, o alcalde felicitou e agradeceu ao edil “o seu traballo e dedicación á fronte da concellería ao longo dos últimos anos”, explicando que o cambio se adopta “de mutuo acordo” e responde unicamente a razóns operativas. Tal e como sinalaron, a Concellería de Deportes require unha dedicación moi elevada e unha presenza constante, algo “moi difícil de compatibilizar” coa dedicación parcial de Sobrido.
Vidal incidiu en que esta modificación non supón alterar a liña de traballo do goberno municipal e subliñou que o deporte “continuará sendo unha prioridade absoluta”. Así mesmo, reafirmou a súa disposición “para escoitar as necesidades de cada club e deportista” e avanzou a vontade de dar continuidade aos proxectos de mellora das infraestruturas xa iniciados, así como a outros novos que o Concello prevé executar nos vindeiros meses. “Asumo esta responsabilidade co obxectivo de poder axilizar a toma de decisións, supervisar os proxectos que xa están en marcha e asumir os novos desafíos da concellería. O meu despacho estará sempre aberto para escoitar aos deportistas”, recalcou Vidal.
Pola súa banda, Eloy Sobrido continuará á fronte de Mocidade e Facenda. Sobre esta última área, explicou que se trata “dun ámbito do que depende toda a actividade municipal, polo que seguirei estando á disposición do alcalde e do persoal de Deportes para todo aquilo que precisen”.
O primeiro edil valorou a xestión realizada polo edil, con importante avances e melloras nas instalacións deportivas e cun enorme pulo para as axudas e subvencións ás entidades. Tanto é así, que no 2025, o Concello destinou 224.346 euros á área de Deportes entre obras, mellora e acondicionamento nas instalacións e axudas tanto directas como indirectas a entidades. No apartado de novos investimentos, a cifra foi de 104.296 euros e no de mantemento de dependencias, de 40.000 euros. En canto ás subvencións a clubs, as axudas directas foron de 61.000 e as indirectas de 20.000 euros.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.