“Imos seguir apostando pola economía produtiva e sabemos que para que haxa investimentos ten que haber estabilidade, confianza e un Goberno responsable na xestión do gasto público”, incide
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, apelou hoxe, durante a apertura da xornada Investors Day: Thinking Galicia, á estabilidade, á responsabilidade e á confianza como o maior valor co que Galicia conta actualmente para captar investimento estranxeiro.
O titular da Xunta comezou a súa intervención agradecendo a asistencia e a participación nesta convocatoria dun significativo grupo de multinacionais e empresas consultoras, reiterando que o Goberno galego buscará sempre para Galicia: a estabilidade política e institucional, a responsabilidade na xestión do gasto e o investimento público, e a confianza de sabernos unha comunidade cumpridora e, polo tanto, fiable para os investimentos foráneos. “Imos seguir apostando pola economía produtiva e sabemos que para que haxa investimentos ten que haber estabilidade, confianza e un Goberno responsable na xestión do gasto público”, abondou.
Deste xeito, e nun primeiro termo, subliñou que a Comunidade galega fixo os deberes do déficit; e, grazas a elo, pode seguir investindo en mellorar os servizos públicos e está inmersa nun proceso de revitalización do seu tecido industrial a través da I+D+i e da internacionalización. Non en van, neste 2015, Galicia é a comunidade autónoma que máis investiu en porcentaxe de presuposto autonómico: 500 euros de media por habitante fronte aos preto de 260 euros por habitante da media das comunidades.
Nesta liña, e ante o feito de que España acabe de rebaixar a súa previsión de crecemento do 2,7% para este ano ao 2,4% en 2017, Feijóo asegurou que Galicia ten claro que quere manterse a marxe desta incerteza: “Galicia é un lugar seguro onde se pode investir, previsible, coas súas contas ordenadas e solvente. E seguiremos a traballar nesta liña”, sentenciou, ao que engadiu que “facémolo porque vemos que hai potencial e empresas que tomaron a decisión de seguir investindo en Galicia como: PSA Peugeot-Citröen, con novos modelos para a planta viguesa; Bosch, que emprega a máis de 2.000 persoas en Galicia; Snop Estampaciones, que investiu na construción dunha nova pranta en Nigrán; Mobgen, instalada na Coruña; e Indra e Inaer, que acaban de comprometerse co polo aeronáutico de Rozas”, precisou, a modo de exemplo.
A internacionalización cada vez con máis peso no conxunto da economía galega
O presidente da Administración autonómica afirmou que todas estas empresas están detrás das cifras que Galicia alcanzou canto a investimento foráneo produtivo, que o ano pasado creceu na Comunidade un 60%, mentres que en España o incremento foi dun 11%. E, cómpre salientar tamén que nos últimos 8 anos preto de 1.200 empresas se trasladaron a Galicia procedentes doutros lugares de España.
Así mesmo, desde 2013 a Comunidade marcou o mellor ciclo exportador da súa historia. En 2015 as ventas rexistradas no exterior foron un 5,6% maiores que en 2014, o que equivale a case 19.000 millóns de euros. E, xunto con isto, a balanza comercial de Galicia en 2015 foi a terceira mellor balanza comercial absoluta de España.
Diante destes datos, Feijóo afirmou que a internacionalización empeza a pesar cada vez máis no conxunto da economía galega. “Sabemos exportar, as empresas galegas están internacionalizándose e queremos acompañar a internacionalización co investimento estranxeiro”, dixo, lembrando que un dos instrumentos cos que conta a Xunta é a Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020.
O presidente da Xunta destacou que “Galicia é unha terra capaz” que dispón de tres universidades; que conta cunha rede de investigación e innovación, que conforman a rede de centros tecnolóxicos galegos; con infraestruturas, tanto desde o punto de vista portuario, como aeroportuario e terrestre; cunha política de solo industrial moi competitiva e cunha Administración comprometida que cumpre os seus parámetros económicos e macroeconómicos, de acordo coas esixencias de España como socio da UE (déficit, débeda, porcentaxe de investimento).
Apostar por sectores de futuro
Durante a súa intervención, Feijóo lembrou que o obxectivo que agora se marca o Goberno galego é o de apostar por sectores de futuro, á vangarda da innovación, para captar investimentos a longo prazo. Dirixir o sistema produtivo cara a un modelo baseado no coñecemento, na formación, na aplicación das novas tecnoloxías e a I+D+i. “E sectores como o aeronáutico, a automoción, o naval ou a biotecnoloxía son hoxe por hoxe o terreo para a posta en marcha de proxectos innovadores con vixencia no longo prazo”, explicou.
Logo de avanzar que hoxe mesmo presentarase o novo Grao de Enxeñaría Aeroespacial que a partir do próximo curso impartirá a Universidade de Vigo, Feijóo referiuse tamén á posta en marcha dunha alianza con varias consultoras de primeira liña, “co obxectivo de buscar oportunidades para a nosa economía”.
Trátase en definitiva, dun brazo máis na rede de iniciativas que a Xunta está a activar para promover a captación de investimento estranxeiro en Galicia e a saída das empresas ao exterior, asegurou, facendo referencia tamén á Rede de empresarios galegos no exterior, á plataforma Doing Bussines, ou á iniciativa de Captación de Investimentos 4.0, para financiar ata o 40% dos proxectos industriais que se presenten no ámbito da fábrica intelixente que supoñan máis de 50 millóns.