O Concello de San Sadurniño ten xa en marcha desde hai uns días a execución de tres proxectos de reparación viaria que engloban un total de seis pistas repartidas polas parroquias de Igrexafeita, Naraío e Ferreira. As actuacións, que inclúen a limpeza de cunetas, a reparación de desperfectos superficiais e a aplicación dunha nova capa de asfalto, afectan a 5,8 quilómetros de trazado e supoñen un investimento conxunto lixeiramente superior aos 171.000 euros, impostos incluídos. As obras están financiadas con cargo ao Plan Adicional 02/2025 da Deputación da Coruña. A este programa provincial sumaráselle ademais un último paquete viario, que se desenvolverá en Santa Mariña do Monte e Ferreira, actualmente en fase de licitación que previsiblemente será adxudicado nos próximos días.
Os proxectos que xa están executándose foron licitados a comezos do verán e adxudicados á empresa José No Mantiñán e Hijos. Segundo os pregos técnicos, os traballos céntranse no reasfaltado de camiños que presentan desgaste ou danos en parte do seu percorrido, ademais de aproveitar para darlle un ancho regular ás pistas naqueles puntos onde é posible, xa que actualmente presentan medidas variables que oscilan entre os 3,5 e os 4,5 metros.
O procedemento de reparación é practicamente idéntico en todos os casos: primeiro realízase a limpeza das cunetas e o varrido do firme, despois arránxanse baches mediante unha mestura de grava e piche e, por último, esténdese dunha nova capa de rodadura alternando regas asfálticas con saburra. Nalgúns tramos tamén se intervirá para entubar escorrentías.
O desenvolvemento das obras comezou hai uns días coa limpeza das cunetas da actuación prevista en Igrexafeita, onde se pavimentarán de novo os camiños da Fraguela ata a Casatellada e desde A Fraguela ata As Costeiras. Trátase de dúas pistas conectadas entre si que enlazan estes tres lugares situados ao sur da AG-64. Entre ambas suman 1,7 quilómetros de lonxitude e dan servizo a unha ducia de vivendas. O investimento final acada os 48.037 euros, 2.000 por debaixo do orzamento en que se licitaron as obras.
No caso de Naraío están previstas dúas intervencións financiadas tamén polo Plan Adicional 02/2025. A primeira, cunha lonxitude total de 1.665 metros, abrangue un entramado de camiños que estruturan A Ferraría, Pielas, O Batán, O Muíño e A Cernada. Trátase dunha rede viaria que dá acceso a preto dunha trintena de vivendas. Dentro deste mesmo proxecto inclúese tamén o asfaltado do camiño que vai desde Quintiá ata o límite co concello da Capela, na pista que leva a Formariz. As obras, cun orzamento inicial de 70.486,08 euros, impostos incluídos, foron finalmente adxudicadas por 66.550 euros.
O terceiro proxecto que se vai executar de maneira inminente con cargo ao segundo plan adicional do POS+ 2025 é o da pista de Cadavás, de 900 metros, e o do camiño que comunica Os Pontigos con Piñeiros, en Ferreira, cunha lonxitude de 1,5 quilómetros, aos que se engaden outros 100 metros nos accesos ás vivendas do núcleo de Piñeiros. O orzamento conxunto destas actuacións aproximábase aos 60.000 euros e a adxudicación definitiva foi de 56.507 euros.
O importe total destes tres proxectos ascende, polo tanto, a uns 171.000 euros. Todos eles aprobáranse en pleno a comezos de 2025 como previsión, á espera de que a Deputación da Coruña consignase os fondos necesarios. Unha vez confirmada a achega de 209.000 euros do Plan Adicional 02 a mediados de ano, o Concello preparou un cuarto proxecto valorado en algo máis de 34.550 euros para completar o importe total da subvención. As reparacións viarias executaranse, neste caso, en Santa Mariña e en Ferreira.
En Santa Mariña do Monte melloraranse dous tramos do camiño da Castiñeira, cun total de 510 metros, e nun segmento de 200 metros da pista que discorre polo lugar da Esperanza. En Ferreira, os labores centraranse en dous tramos da pista que baixa desde A Leiriña ata Moeche: o comprendido entre os desvíos de Santiso e Lapas de Abaixo, de 325 metros, e o que vai desde o cruzamento das Filgueiras ata o límite co concello veciño, de 210 metros. Tanto estes tramos como os de Santa Mariña presentan un ancho medio de entre 3,5 e 3,75 metros, ampliado puntualmente en cruzamentos e accesos.
Este último proxecto encóntrase actualmente en fase de licitación como contrato menor, coa previsión de que a súa adxudicación se produza nos próximos días. En conxunto abrangue 1,2 quilómetros de reparacións, de modo que, unha vez completado, o Plan Adicional 02/2025 da Deputación da Coruña permitirá reparar arredor de 7 quilómetros da rede viaria municipal.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.