O Concello puxo en marcha esta semana os traballos previstos en ambos os puntos, que suporán un investimento total de case 850.000 euros
O Concello avanza coa folla de ruta do Plan de barrios 2025-27 en puntos como Castro de Elviña e a Urbanización Breogán, onde a primeiros desta semana comezaron os traballos previstos para mellorar a rede de saneamento municipal en ambos os núcleos residenciais.
As dúas actuacións, que no seu conxunto supoñen un investimento de case 850.000 euros, están cofinanciadas entre o Concello e a Deputación, que achegou fondos correspondentes ao Plan de obras e servizos (POS) para complementar os fondos propios municipais.
A meirande parte deste orzamento destinarase a reforzar as infraestruturas de saneamento das rúas da Pena do Cuco, Canedo, O Picho e A Fraga, en Castro de Elviña, onde se renovará a rede municipal de sumidoiros e, ademais, dotarase a zona dunha nova rede separativa para recoller as augas pluviais.
Por outra banda, o Executivo municipal tamén ten previsto actuar na Urbanización Breogán para construír unha nova rede para a recollida de augas pluviais nas rúas Vicente Vázquez
Queipo e Isidro Parga Pondal. Esta medida está orientada á mellora das infraestruturas neste núcleo residencial, onde tamén están a avanzar as obras da nova pista multideporte, un equipamento público promovido polo Concello e xa en fase de execución.
Neste sentido, as dúas intervencións fóronlle adxudicadas no pasado mes de novembro á empresa Construcciones Cernadas. As obras en Castro de Elviña, por valor de 667.995 euros; e as previstas na Urbanización Breogán, por 181.546 euros.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, informou de que os traballos sobre o terreo serán visibles nos vindeiros días, despois de que esta semana se iniciasen as tarefas de implantación e organización de equipamentos, así como da delimitación das zonas de traballo.


Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.