Marta Abal chama a atención sobre a falta de información e transparencia na xestión deste patrimonio urbano, e destaca a importancia de preservar a identidade e a memoria colectiva
O Grupo Municipal Socialista trasladou hoxe a súa preocupación, compartida polos veciños e colectivos do barrio de Fontiñas, polas ausencias da escultura Maternidade, do artista galego Buciños, e da placa situada no monólito que lembraba a inauguración de Área Central.
Como subliñou a concelleira socialista Marta Abal, trátase “de dous elementos moi significativos da memoria urbana” no entorno deste barrio compostelán.
“A escultura Maternidade, realizada en 1975 por Buciños, un dos artistas galegos contemporáneos máis recoñecidos, foi retirada para rehabilitación, pero, a día de hoxe, segue sen ser reposta e non existe información pública sobre o seu estado”, explicou Abal.
Do mesmo xeito, a veciñanza de Fontiñas bota en falta a placa situada no monólito fronte a Área Central, que lembraba a inauguración deste espazo emblemático para a cidade.
“Estas cousas importan. Importa coidar o patrimonio e a memoria colectiva. Por iso pedimos ao goberno de Goretti Sanmartín a reposición inmediata da escultura de Buciños e a recuperación da placa de Área Central”, engadiu Marta Abal.
Desde o Grupo Municipal Socialista lembran que coidar do patrimonio e da memoria urbana non require grandes investimentos, senón compromiso e bo facer por parte do goberno de Sanmartín.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.