O Concello xa ten pechada a programación da XXI edición da Feira da Plantación, o evento co que se quere por en valor o cultivo da terra como factor de desenvolvemento socioeconómico do territorio. Canda aos puntos de exposición e venda de planta e froito, a programación da feira inclúe outras actividades paralelas que veñen complementar a oferta de lecer dunha xornada que en 2015 superou as 5.000 visitas e que, desta vez, agarda superar esa cifra.
O prazo para solicitar a participación no evento finaliza este mércores ás 14.00h. e o xoves publicarase a lista definitiva de expositores e expositoras. A feira deste domingo desenvolverase ao pé do colexio público desde as 10 da mañá e prolongarase ata o serán. Nese tempo o recinto converterase nun escaparate da produción verde da comarca coa presenza de viveiros de planta e flor, de postos onde atopar sementes e pés para morteiros, árbores e todo tipo de artigos relacionados co laboreo da terra, e mesmo de alimentación e artesanía vencellada co mundo vexetal.
Como é habitual, o Concello programou actividades en distintos momentos do día que, nesta ocasión, arrancarán ás 12.00h. cunha exhibición da Asociación Brío. Será un espectáculo de baile breve pero intenso, xa que nel se fará unha chamada de atención sobre a situación das persoas que buscan refuxio en Europa fuxindo das guerras. “Refuxiadas: xente coma nós” ofrecerase na propia carpa da feira como xeito de convidar á reflexión a todo o público asistente á Feira da Plantación.
Para pola tarde a organización ten preparado un obradoiro destinado aos nenos e nenas cun tema a medio camiño entre a creación e a concienciación sobre o ambiente. O título da actividade é “Decoración de macetas biodegradables” e vai dirixido á rapazada a partir dos tres anos. Ofrécense 40 prazas que se cubrirán segundo vaian chegando os nenos e nenas. O obradoiro desenvolverase entre as 16.30 e as 18.30h.
Outra das citas fixas da Feira da Plantación son os sorteos. Con cada compra que fagamos no recinto entregarannos varios boletos para participar na rifa de varios lotes de produtos doados polos expositores. O primeiro sorteo realizarase ás 14.00h. e o segundo ás 19.00h., momento en que se dará por clausurada a feira. Cómpre lembrar, ademais, que só por vir dar unha volta á feira levaremos para a casa unha planta de agasallo.
O Concello -organizador do evento coa colaboración da Deputación e de Vivergal- contará cun expositor institucional no que, entre outras actuacións, se promocionará o servizo de recollida do lixo porta por porta que actualmente ten posto en marcha en parte das parroquias de Ferreira, Igrexafeita e Naraío. O ambiente da feira durante a mañá poderá seguirse a través de Facebook e Twitter e, ademais, tamén está prevista unha emisión a través de Periscope pouco antes das 12 do mediodía.