Máis de 15.900 estudantes de 82 centros educativos participarán nesta iniciativa que promove o coñecemento da cidade desde unha perspectiva educativa, cultural e patrimonial
O Concello da Coruña activa esta semana unha nova edición do programa Coruña de Aventura, unha iniciativa municipal de referencia que se desenvolve de forma continuada desde comezos dos anos 90 e que ofrece ao alumnado a oportunidade de coñecer a cidade fóra da contorna escolar.
O programa desenvolverase ata mediados do mes de xuño e está dirixido a estudantes de todas as etapas educativas, desde a educación infantil ata a secundaria. A iniciativa conta coa colaboración da Federación Provincial de ANPAs da Coruña, e permite que o alumnado poida achegarse ao patrimonio histórico, cultural e institucional da cidade, reforzando a aprendizaxe práctica e o coñecemento do seu entorno máis próximo.
Nesta edición participarán un total de 15.963 alumnos e alumnas, procedentes de 82 centros educativos, dos cales 70 pertencen á cidade da Coruña e 12 a outros concellos, o que consolida a vocación metropolitana e integradora do programa.
O concelleiro de Educación, Juan Ignacio Borrego, salientou que Coruña de Aventura “é un exemplo claro de educación vinculada ao territorio, que permite ao alumnado descubrir a súa cidade e recoñecerse nela”. “Levar máis de trinta anos desenvolvendo este programa con éxito é unha mostra do compromiso do Concello coa educación pública de calidade”, apuntou.
Ao abeiro deste programa, o Concello facilita o acceso do alumnado a espazos e entidades singulares como museos, centros institucionais, instalacións culturais e empresas locais. A oferta está adaptada a cada nivel educativo e as condicións das visitas están coordinadas coas entidades colaboradoras, que marcan os grupos, os contidos e os requisitos específicos de cada actividade.
Para garantir a participación de todos os centros públicos da cidade, o Concello ofrece o servizo de transporte escolar de forma gratuíta ás Escolas Infantís Municipais (EIM), aos CEIP e aos IES da Coruña.
Cada centro pode solicitar unha única visita ou itinerario por grupo-clase, sendo a asignación xestionada a través da aplicación municipal habilitada para o programa, que tamén permite facer seguimento das actividades e a súa avaliación posterior.
A posta en marcha dunha nova edición de Coruña de Aventura enmárcase nas políticas educativas impulsadas desde o Goberno local para reforzar a igualdade de oportunidades, fomentar o acceso á cultura e conectar ao alumnado coa realidade da cidade.
No marco das liñas de actuación do Goberno de Inés Rey, prográmanse actividades que complementan o currículo académico, favorecen a aprendizaxe activa e fortalecen o sentimento de pertenza e coñecemento do patrimonio colectivo.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.