O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, mantivo un encontro coas entidades veciñais para lle explicar o sistema e as melloras introducidas con respecto á edición do ano pasado. Cada entidade poderá dispor de ata un máximo de 20.000 euros
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, acompañado por técnicos do IMCE, mantivo unha reunión con representantes das asociacións e entidades veciñais para informar acerca das subvencións que poderán solicitar este ano para a celebración das festas nos seus respectivos barrios. O importe total que destina o Concello a ditas celebracións ascende a 500.000 euros, e cada entidade poderá solicita ata un máximo de 20.000 euros para a organización dos eventos.
Poderán ser beneficiarias destas axudas asociacións veciñais sen ánimo de lucro, con sede na Coruña e que se atopen rexistradas no Rexistro Municipal de Asociacións da Coruña (REMAC) na data de finalización do prazo de presentación dás solicitudes.
O concelleiro informou de que serán considerados subvencionables todos aqueles gastos correntes que teñan relación directa coa organización e celebración das festas dos barrios (cachés e producións dos espectáculos, aluguer de material, vixilancia ou xestoría e asesoría, pirotecnia, contratación de perasoal sanitario, gastos derivados do seguro de responsabilidade civil ou dereitos de autor, entre outros) e que se orixinen dentro do período subvencionable. Trátase, indicou Castro, de facilitar ás asociacións afrontar os investimentos precisos para poder organizar as súas respectivas festas. .
Entre as melloras introducidas este ano o IMCE poñerá a disposición das Asociacións Veciñais medios propios dos que dispón para o bo desenvolvemento da festa, sen que isto se considere que forma parte dos gastos obxecto da subvención (mesas, cadeiras, tarimas, e outros elementos sempre que exista dispoñibilidade), o IMCE tamén se encargará da subministración e do custe dos baños químicos que se consideren necesarios para a celebración das festas.
“A Coruña non pode entenderse sen os seus barrios. O traballo das asociacións veciñais na cohesión social da comunidade é esencial, nese obxectivo as festas son un instrumento imprescindible, aportando tamén un apoio relevante ao tecido cultural da cidade. O goberno de Inés Rey seguirá apoiando decididamente as festas de barrio pola súa trascendencia social e cultural”, subliñou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro. Castro destacou tamén o éxito que tiveron as festas na pasada edición, cando se estreou un sistema de axudas públicas ás entidades que ofrece a estas maior capacidade de autoorganización, mantendo a colaboración do Concello.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.