Monday 19 de January de 2026

O Concello pomocionará Santiago en Fitur 2026 como destino de congresos e negocios coa campaña ‘Compostela é moito MICE’


A concelleira de Turismo, Míriam Louzao, participará a próxima semana en FITUR co obxectivo de mellorar a posición de Santiago como destino MICE, con gran potencial de crecemento, no marco da aposta municipal por “un modelo de turismo sustentable, rendible e integrador da vida cotiá da veciñanza e os fluxos turísticos”.

A concelleira de Turismo, Míriam Louzao, avanzou este venres en rolda de prensa a campaña “Compostela é moito MICE” que o Concello de Santiago presentará o mércores 21 de xaneiro ás 17:20 horas en FITUR 2026 para impulsar a posición da cidade como destino de congresos e negocios (denominado MICE polas súa siglas en inglés).

A presentación, dirixida a profesionais do turismo, estará centrada en identificar a Santiago de Compostela como un destino idóneo para o turismo MICE, no que a cidade ten gran potencial de crecemento en relación aos recursos dos que dispón.

Neste sentido, Míriam Louzao puxo de relevo as 5.000 prazas que ofrece a cidade en infraestruturas específicas para reunións e congresos, dende grandes espazos para eventos coma o Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia ata espazos singulares coma o Pazo de San Lourenzo, pasando por espazos de gran valor patrimonial coma o Paraninfo da Universidade ou espazos culturais coma o Auditorio de Galicia e recintos hoteleiros.

Na mesma liña, a concelleira de Turismo valorou a “calidade da oferta hoteleira da cidade, que inclúe edificios históricos, hoteis de deseño, con encanto e gastronómicos” e que suma 5.500 prazas en hoteis, das que 4.700 se corresponden con hoteis de máis de tres estrelas.

A edil apuntou tamén que a dotación de infraestruturas idóneas para eventos e a ampla oferta hoteleira compostelá conxúnganse con recursos de tipo patrimonial, natural e oferta cultural que sitúan Santiago de Compostela coma “destino sólido e consolidado”.

‘Compostela é moito MICE’

O lema ‘Compostela é moito MICE’ xoga coa correspondencia fonética ente o acrónimo inglés “MICE” e a palabra galega “máis” á vez que convida a ampliar a mirada sobre Santiago como destino turístico, para que o circuíto profesional traballe con opcións que van moito máis aló da Catedral e da zona histórica. “Compostela é moito MICE/máis é un convite a saír dos circuítos tradicionais e apostar por coñecer outros recursos dos que dispoñemos e de moitísima calidade”, sinalou a responsable municipal de Turismo.

A promoción de Compostela como destino MICE encádrase na aposta por un novo modelo turístico. “Ademais de continuar facendo unha promoción especificamente enfocada a captar turismo de calidade, volvemos participar en Fitur cunha proposta que incide directamente no cambio de modelo turístico no que levamos traballando activamente desde o inicio de mandato”, afirmou Míriam Louzao. Nese sentido, manifestou que o impulso ao turismo de congresos e negocios, de alto valor engadido, favorecerá a desestacionalización e encaixa cun “modelo de turismo sustentable, rendible e integrador da vida cotiá da veciñanza e os fluxos turísticos”.

Mercados de proximidade e internacionais

Míriam Louzao concretou que este potencial de crecemento en turismo MICE implica tanto a mercados máis próximos como a mercados internacionais, grazas as conexións do aeroporto Rosalía de Castro con grandes hubs de comunicacións globais como Londres-Heathrow, con Vueling; Frankfurt, con Lufthansa; Nova Iorque, con United Airlines; ou Amsterdam, con KLM. Ademais das rutas internacionais directas con diferentes destinos.

Deste xeito, o Concello inicia nesta edición 2026 de Fitur un traballo que continuará ao longo do ano en circuítos profesionais para mellorar o posicionamento de Santiago como destino MICE. A presentación en Fitur apoiarase en material audiovisual que integra as infraestruturas compostelás para eventos e recursos turísticos entre os que se inclúen a Alameda, o río Sarela, prazas da cidade histórica, museos, e mesmo espazos que dan idea da conectividade de Santiago, como o aeroporto Rosalía de Castro e a Intermodal Daniel Castelao.

Deja un comentario