O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, reuniuse hoxe co alcalde de Arteixo, José Carlos Calvelo, para abordar cuestións vencelladas coas súas áreas competenciais de relevancia para este concello, entre as que se atopa a adaptación da Lei do Patrimonio Cultural, que lle permitirá as Administracións locais unha protección máis áxil e eficaz dos seus bens patrimoniais. Ademais, tamén analizaron posibles vías de colaboración para a renovación de infraestruturas e a posta en marcha de actividades e programacións culturais neste concello coruñés.
Con respecto ás modificacións previstas na Lei de acompañamento dos Orzamentos para a Lei 5/2016 de Patrimonio Cultural de Galicia, o representante do Goberno galego explicoulle ao rexedor que suporá reducir os tempos de espera, tanto por parte da cidadanía como das institucións, co obxectivo de que o coidado do patrimonio non conleve un impedimento para o desenvolvemento de proxectos vitais ou profesionais. Neste senso, cómpre subliñar que a Xunta de Galicia é a única administración que actualmente informa dos bens de todo o territorio con independencia de cal sexa o seu grao de protección, o que supón a xestión cada ano de 30.000 expedientes cun prazo de resolución aproximado de entre seis e 12 meses.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.