Monday 19 de January de 2026

Mila Castro critica as incongruencias entre os informes sobre a xestión da auga: o encargado por Compostela Aberta no 2019 descartaba a empresa mixta


• O informe de xuño do 2019 sinalaba que a empresa mixta non era unha “opción real” e recalcaba que, neste modelo, a xestión “queda completamente en mans do socio privado”

• Critica que PSOE intentara obstaculizar a participación das non adscritas na Comisión: “semella que molestamos cando no pleno temos catro votos fronte os dous do PSOE”

As concelleiras non adscritas reclamaron “seriedade e valentía” na comisión para o estudo do modelo de xestión do ciclo integral da auga deste venres ante o que cualifican de “incongruencias” entre o estudo encargado por Compostela Aberta en xuño do 2019 e o realizado agora por encargo do goberno de BNG e CA: o primeiro, aínda que segundo Mila Castro non concluía ningunha fórmula con rotundidade, si que descartaba a empresa mixta que agora propón o executivo de Sanmartín, a pesar de que o novo documento di que “non existen argumentos obxectivos para asumir de abstracto a superioridade dalgunha fórmula de xestión sobre outra”.

Segundo expuxo a propia Castro na reunión celebrada en Raxoi, o informe de 2019 sinalaba textualmente na súa páxina 28 que a empresa mixta “decaía como opción real” sustentándoo en tres motivos: a asunción do risco operacional por parte da concesionaria, a duración curta das concesións e a pouca participación real do Concello. De feito, chega a sinalar que a xestión na empresa mixta “queda completamente en mans do socio privado”, algo que contrasta coa proposta actual do goberno local, do que tamén fai parte CA.

“Con que versión nos temos que quedar, co informe que dicía que a empresa mixta non era unha opción real ou co que di que non existen argumentos para asumir esta forma de xestión” pregúntase Castro, lembrando ademais que o propio equipo redactor chegou a dicir na primeira reunión que non estaban en condicións de dicir que a sociedade mixta sexa óptima. De feito, Castro cuestiona esta fórmula pola imposibilidade que ten o Concello para constituír unha na actualidade -ao estar sometido a un Plan Económico Financeiro- e polos prazos que propón o documento actual “cun horizonte temporal de 20 anos para solucionar moitas das eivas que ten a rede de saneamento e abastecemento de Santiago”.

Segundo Mila Castro a opción da empresa mixta, “trasladaríanos ao 2047, cando menos, para poder completar acometer unha renovación integral da rede”. A concelleira non adscrita incidiu en que o informe elaborado en 2020, sendo ela responsable de Servizos Básicos e redactado polo mesmo equipo que fixo este traballo para o concello de Pontevedra, identificaba un investimento necesario de 100 millóns de euros para actualizar a rede, “e iso só é posible, a curto prazo, cunha fórmula na que unha empresa adiante os investimentos”. Unha solución, a da concesión, “que a Alcaldesa como eu e o equipo técnico deste Concello sabemos que é a única opción viable”.

O PSOE crítico coa presencia das non adscritas na comisión

Mila Castro fixo públicas ademais as intencións de PSOE de obstaculizar a presencia das non adscritas na comisión. Ao comezo da reunión Guinarte fixo constar a súa discrepancia con que Mercedes Rosón e a propia Castro estiveran presentes neste debate en calidade de convidadas -con voz pero sen voto-. “É dantesco cando este asunto finalmente terá que ser votado en pleno municipal, onde as non adscritas temos catro votos fronte os dous do PSOE” critica.

Aínda que tamén o PP amosouse molesto con que a súa asistencia á convocatoria non fose comunicada previamente, foi o PSOE o que recalcou que as non adscritas non tiñan dereito a estar presentes. Para Castro esta actitude é amosa un déficit democrático e lembra que a propia Sanmartín asistía como convidada ás reunións do Consorcio no pasado mandato, cando non tiña dereito a ser integrante: “nós, aínda que nos queiran botar da mesa de negociación, seguiremos traballando para avanzar nun acordo que permita resolver as roturas diarias e ampliar a rede de abastecemento a todo o municipio” respondía Castro.

En calquera caso, as non adscritas recalcan que seguirán traballando “polo interese xeral” e “se alguén está máis preocupado polo resultado electoral” será quen teña que dar explicacións. Cualifica a reacción dos socialistas como unha “pataleta infantil” e pide “altura de miras” a todas as formacións para resolver “un dos grandes problemas” de Santiago.

Deja un comentario