Recibirá unha partida de 8.730.304 euros para o desenvolvemento de plans de actuación no marco do Desenvolvemento Urbano Sostible Obtivo da Dirección Xeral de Fondos Europeos unha puntuación de 87,75 sobre 100, a nota máis alta da comunidade e a cuarta dos 379 concellos que se presentaron en España
A Dirección Xeral de Fondos Europeos publicou a lista definitiva de municipios beneficiarios dos fondos Feder para o desenvolvemento de plans de actuación no marco do Desenvolvemento Urbano Sostible (plan EDIL). Neste documento, recóllese unha dotación de 8.730.304 euros para a cidade da Coruña.
Despois de que o Concello remitise, a principios do ano pasado, toda a información requirida acerca dos plans de investimento e execucións propostas cos fondos comunitarios, unha Comisión de Valoración dependente da Dirección Xeral de Fondos Europeos procedeu á análise e cualificación da senda exposta en función do cumprimento dos requisitos mínimos para a percepción de axudas. Todos os municipios solicitantes (un total de 379) recibiron da Comisión unha valoración do 1 ao 100. A Coruña, con 87,75 puntos, foi a localidade mellor valorada de Galicia e a cuarta mellor valorada de España.
A partida recibida polo Concello ten unha taxa de cofinanciamento do 60 %. É dicir, dun investimento total de 14.550.506 euros, 6 de cada 10 serán achegados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.
“A Coruña sempre mira a Europa para percorrer a senda do desenvolvemento sostible e dun crecemento xusto e repartido. O feito de que sexamos o Concello con mellor valoración de Galicia e un dos mellores valorados de España mostra que este goberno está a cumprir coas súas promesas e poñéndose á vangarda de España”, valorou a alcaldesa Inés Rey.
As axudas percibidas nesta partida se empregarán, fundamentalmente, na rexeneración dos Mallos e a Sagrada Familia, tal y como xa adelantou a alcaldesa o pasado mes de outubro.
“Esta rolda de fondos europeos convocouse cunha perspectiva rexeneradora, máis específica sobre ámbitos concretos. Por iso focalizamos os investimentos en barrios populares da cidade como Os Mallos e a Sagrada Familia, onde a intermodal terá un efecto tractor moi importante e onde tamén hai proxectos moi madurados pola interacción e contacto coa veciñanza”, explicou Inés Rey.
O proxecto ideado polo Concello contempla actuacións como a mellora de infraestruturas para a intermodalidade na avenida do Ferrocarri, a humanización da rúa Vizcaya e a peonalización de Antonio Viñes ou intervencións de rexeneración como a renovación da pista multideporte Nosa Señora de Fátima e melloras no pavillón polideportivo municipal da Sagrada Familia e o centro cívico dos Mallos, así como no mercado e o centro asociativo de Ramón Cabanillas.
A obtención de recursos europeos, indicou José Manuel Lage, concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, forma parte esencial da xestión do Goberno municipal, que nos últimos anos vén de obter diversas partidas invertidas na renovación dos barrios, desde os fondos IDAE para o alumeado público ata as dúas quendas dos Next Generation ou os máis recentes de Allocate. “A obtención de recursos europeos permítenes derivar os recursos propios a outros investimentos e servizos, hoxe somos a cidade galega que máis fondos europeos obtén”, indicou o concelleiro.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.