Filigrana abre a inscrición para o veterano encontro artesá, que chegará con novidades
Xa hai data oficial para a tradicional “Xuntanza de palilleiras de Neda”. A cita, que impulsa a Asociación de palilleiras Filigrana, co apoio do Concello, alcanzará o vindeiro 21 de febreiro, a súa XX edición. Unha cifra redonda que a asociación celebrará como se merece. A entidade acaba de abrir o seu prazo de inscrición.
Neda volverá converterse o próximo mes en punto de encontro de centos de mestras dos bolillos. Unha xornada de convivencia, destinada a pór en valor o laborioso e vocacional traballo de encaixe que realizan estas mulleres. Unha parte do patrimonio cultural galego que cómpre seguir conservando.
A xuntanza, na que non faltarán os habituais postos de venda do sector e o tradicional sorteo de agasallos, desenvolverase, un ano máis, no pavillón municipal Ale de Paz, e contará co apoio, entre outros, do Concello de Neda, da Deputación da Coruña, e de Artesanía de Galicia.
Será, tal e como adianta Ángeles Rodríguez, presidenta da entidade, unha edición especial na que non faltarán as sorpresas. Para abrir bica, anticipa a presenza de todo un referente no mundo do encaixe do bolillo. A mestra artesá, deseñadora e restauradora Ana Rosa Lista (Ames), coñecida pola súa especialización no debuxo con encaixe, traerá unha exposición dos seus traballos. Esta profesional, que lidera a Casa escuela Obradoiro Ana Rosa, levaba en decembro o encaixe de bolillos ao Vaticano. É a autora da Cruz de Santiago, incluída no “Árbol de la esperanza”, unha peza, resultado da colaboración de distintas encaixeiras, que se presentou en decembro ao Papa León XIV.
Ata o 11 de febreiro, Filigrana manterá a inscrición aberta a través do teléfono 637732668. As asociacións interesadas en tomar parte deben chamar ou enviar unha mensaxe de whatsapp indicando o nome da entidade, número de participantes e nome da docente.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.