O presidente da Deputación da Coruña, Valentín García Formoso, achegouse este xoves a Carballo, na súa primeira visita oficial tras a toma de posesión de Daniel Pérez como alcalde, coa finalidade de asinar o convenio de colaboración para o financiamento da Unidade de Condutas Adictivas (UCA) correspondente ao 2025, o último dos 31 anos nos que o servizo foi xestionado polo Concello de Carballo, xa que desde o 1 de xaneiro deste 2026 está integrado a todos os efectos na estrutura do Servizo Galego de Saúde (Sergas).
Valentín García Formoso foi recibido por Daniel Pérez e unha ampla representación do goberno municipal, incluído o tamén vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira. A intención inicial do presidente da Deputación, ademais da sinatura do convenio, era visitar a travesía de Sísamo e outras obras que se están executando no noso concello grazas ao co-financiamento da institución provincial, pero o mal tempo obrigou a suspender o percorrido. Aínda así, representantes das institucións provincial e municipal celebraron unha xuntanza na que se abordaron algúns dos proxectos que están en tramitación e que permitirán seguir mellorando as infraestruturas de titularidade provincial existentes no noso concello.
Convenio simbólico
A sinatura do convenio de colaboración para o financiamento da UCA, mediante o cal a Deputación da Coruña aporta 30.000 euros (aproximadamente o 10,5% do orzamento anual do servizo) tivo un carácter simbólico, dado que a unidade deixou de depender do Concello de Carballo o 31 de decembro pasado.
A Unidade de Condutas Adictivas (UCA), inaugurada en novembro do ano 1994, atendeu ao longo destes 31 anos a un total de 3.143 persoas. O volume asistencial do ano 2025 foi de 503 usuarios/as, case un 4% máis ca no ano anterior. Aínda que a unidade naceu no seu momento para dar resposta aos graves problemas de drogadicción existentes na Costa da Morte, o seu ámbito de influencia, e que a cifra de usuarios/as dos programas de tratamento por consumo de drogas ilegais seguen sendo maioría, cada vez son máis as persoas que participan en programas de tratamento por consumo de drogas legais, sobre todo alcohol, pero tamén se duplicou o número de pacientes por adicción ao tabaco. Na UCA, de feito, aténdense todo tipo de adiccións: ás novas tecnoloxías, ao xogo, ás compras, á pornografía… cada vez máis frecuentes, sobre todo entre a xente nova.


Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.