· Da contía total, 64.965,22 euros proceden do POS+Adicional da Deputación da Coruña.
· O punto someteuse a debate no pleno extraordinario desta mañá e saíu adiante por unanimidade.
O Concello aprobou, esta mañá, unha proposta para destinar 64.965,22 euros do POS+Adicional da Deputación da Coruña para financiar varios proxectos da Concellería de Servizos Sociais: o comedor sobre rodas, o programa de cesta da compra e, por último, o alugueiro dunha das vivendas de emerxencia social. Á achega provincial hai que sumar, así mesmo, a municipal, o que resulta nun total de 76.800 euros. A concelleira, Amparo Cerecedo, incidiu na importancia de dispoñer destes fondos e apuntou, ademais, que se “trata de plans transversais cos que se conseguen non só os obxectivos específicos para os que foron concibidos, senón tamén outros adicionais como, por exemplo, a inclusión social ou a resolución de conflitos”.
Por unha banda, a contía dedicarase ao comedor sobre rodas, un servizo de cátering de liña quente que conta cuns 24 usuarios e usuarias. Trátase dunha prestación coa que se prepara e reparte comida de xeito diario ás persoas maiores e/ou dependentes que non poden valerse por si mesmas para facer a compra ou o xantar, fundamentalmente.
A este hai que sumar, ademais, a cesta da compra, unha prestación que atende, mensualmente, a unha vintena de veciños e veciñas. Neste caso, o Concello realiza un envío mensual a persoas e familias en situación de vulnerabilidade ou emerxencia social. Durante a súa intervención, Cerecedo subliñou a transversalidade do programa, entendo que a maioría das persoas que acceden á cesta da compra tamén acceden a outros programas de inclusión da Concellería.
Por último, a contía destinarase tamén ao alugueiro dunha das vivendas de emerxencia social, que funciona como recurso habitacional temporal.
O punto saíu adiante por unanimidade da corporación municipal.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.