Thursday 15 de January de 2026

A alcaldesa de Ribeira aborda co conselleiro de Cultura a renovación de infraestruturas culturais e as vantaxes dos cambios na Lei de Patrimonio


 María Sampedro puido coñecer polo miúdo as modificacións previstas na lexislación

A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, reuniuse hoxe co conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, para abordar cuestións vencelladas con estas áreas que resultan de especial relevancia para o concello.

En concreto, afondaron na renovación de infraestruturas culturais ou a programación de actividades, entre as que se atopan as conmemorativas do 25 aniversario do Museo das Artes do Gravado á Estampa Dixital. Ademais, tamén analizaron as vantaxes que a adaptación da Lei do Patrimonio Cultural permitirá a este municipio do Barbanza, así como aos do resto da Comunidade, para axilizar trámites e garantir unha protección máis eficaz dos bens patrimoniais.

Neste senso, a rexedora considerou frutífero este encontro, para o que se desprazou a Santiago de Compostela, xa que puido coñecer máis polo miúdo e de primeira man as modificacións previstas na Lei de acompañamento dos Orzamentos para a Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia que permitirán reducir os tempos de espera, tanto por parte da cidadanía como das institucións, co obxectivo de que o coidado do patrimonio non supoña un impedimento para o desenvolvemento de proxectos vitais ou profesionais neste concello.

Deja un comentario