Thursday 15 de January de 2026

O PSdeG de Santiago esixe a dimisión inmediata do xerente do SERGAS polo colapso das urxencias do CHUS


Aitor Bouza advirte de que a situación no hospital de referencia da área sanitaria de Santiago está a afectar gravemente á atención á cidadanía e evidencia problemas estruturais na xestión sanitaria da Xunta.

O deputado socialista no Parlamento de Galicia e secretario xeral do PSdeG-PSOE de Santiago, Aitor Bouza, denunciou este xoves o colapso das urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) e esixiu a dimisión inmediata do xerente do SERGAS pola súa responsabilidade na xestión sanitaria.

Bouza alertou de que a situación que se vive nas urxencias do hospital de referencia da comarca compostelá está a ter un impacto directo na atención á cidadanía e non pode seguir sendo tratada como un feito illado. “Non podemos permitir que as urxencias sigan colapsadas e que a cidadanía siga sufrindo. Por iso reclamamos a dimisión inmediata do xerente do SERGAS pola súa actuación neglixente”, afirmou.
Neste sentido, advertiu de que a situación das urxencias do CHUS “demostra a mala xestión da Xunta de Galicia” e subliñou que, malia que o Executivo de Alfonso Rueda insistiu en cualificar estes episodios como “puntuais”, “hoxe comprobamos que son un problema estrutural e que afectan directamente á atención á cidadanía”.

Bouza puxo tamén o foco na responsabilidade da Xunta de Rueda na designación dos cargos directivos do sistema sanitario: “Vemos como se nomea a persoas incapaces de xestionar un ámbito tan esencial como a saúde da nosa comunidade autónoma e, en particular, da comarca de Compostela”.

Ante esta situación, o deputado socialista anunciou que seguirá reclamando explicacións nas institucións e esixiu ao presidente da Xunta “que se implique de inmediato na solución deste problema”.

“É imprescindible tomar medidas inmediatas para corrixir o colapso das urxencias do CHUS e garantir unha sanidade pública de calidade, que é un dos piares fundamentais do noso Estado do benestar”, concluíu Aitor Bouza.

Deja un comentario