O BNG reclama médicos nos centros de saúde e un PAC de tarde na Pobra para garantir unha atención sanitaria digna
A veciñanza da Barbanza mobilizouse hoxe diante da Consellaría de Sanidade, en Santiago de Compostela, para reclamar unha atención sanitaria de calidade, con médicos suficientes que garantan unha asistencia sen demoras excesivas. A mobilización contou co apoio do Bloque Nacionalista Galego, que volveu denunciar a grave situación que padece a sanidade pública na comarca.
As persoas mobilizadas esixiron que nos centros de saúde de Ribeira e Aguiño se cubran todas as vacantes e baixas de persoal médico, ao tempo que reclamaron que na Pobra do Caramiñal se habilite un Punto de Atención Continuada (PAC) en horario de tarde, evitando así os desprazamentos ao xa saturado PAC de Ribeira.
A deputada do BNG no Parlamento galego, Rosana Pérez, denunciou a falta estrutural de profesionais sanitarios na comarca e lembrou que xa rexistrou diversas iniciativas parlamentarias para que a Consellaría de Sanidade dote os centros de saúde do persoal necesario e dea resposta ás longas listas de espera para consultas de especialista no Hospital da Barbanza.
“Estamos ante unha situación insostible provocada pola mala xestión do Partido Popular. O conselleiro de Sanidade está atrincheirado na consellaría e só aparece en actos do PP, onde non hai ningunha crítica á súa política de recortes”, afirmou Pérez.
Pola súa banda, o exalcalde de Ribeira e portavoz municipal do BNG, Luís Pérez Barral e a concelleira Cruz Rivsdulla, sinalaron directamente ao Partido Popular como responsable do deterioro da sanidade pública.
“A falta de médicos e o empeoramento da atención sanitaria son consecuencia directa dos recortes aplicados polo PP. Porén, grazas á presión constante da veciñanza, nos últimos tres anos conseguíronse melloras importantes”, indicou.
Barral lembrou que foi a mobilización veciñal a que evitou o peche dos consultorios de Palmeira, Corrubedo e Aguiño e subliñou que “será novamente a loita da xente a que conquira que en Ribeira se cubran todas as prazas médicas”. Ademais, lamentou que a alcaldesa e o municipal de Ribeira “defenda os intereses do Partido Popular en vez de defender á veciñanza e os servizos públicos”.
A voceira do BNG na Pobra do Caramiñal, Amparo Cerecedo, reafirmou o compromiso da súa organización coas demandas da veciñanza.
“Seguiremos apoiando ás veciñas e veciños que reclaman o seu dereito a contar cun PAC en horario de tarde. É un dereito que non imos deixar que nos quiten; estamos pedindo simplemente o que nos corresponde”, manifestou.
Desde o BNG reiteran o seu apoio ás mobilizacións veciñais e esixen á Xunta de Galiza que adopte medidas urxentes para garantir unha sanidade pública accesible, con profesionais suficientes e unha atención digna para toda a poboación da Barbanza.


Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.