Friday 16 de January de 2026

O Concello denuncia o grave abandono por parte da Xunta do comedor do Colexio de Santa Cruz


Despois de numerosas demandas por parte do Concello e da ANPA do Colexio Parga Pondal de Santa Cruz, a Xunta comprometérase a reformar o comedor durante o pasado verán. Pasados xa varios meses sen que se saiba nada desta obra, o espazo no que comen os nenos e nenas atópase nun estado totalmente impresentable.

As imaxes do comedor mostran un espazo fortemente degradado con paredes totalmente desfeitas, humidades, filtracións de auga,… que requiren dunha actuación de urxencia por parte da Xunta de Galicia.

Por parte do Concello, o alcalde dirixiuse por escrito ao Conselleiro de Educación para informalo da situación e reclamar a inmediata realización das obras de comedor. Non se pode tolerar que nun centro de ensino público haxa espazos tan abandonados.

O Concello tamén denunciou recentemente que algunhas aulas do colexio dispoñen dun material totalmente obsoleto e deteriorado. Igual que no comedor, a dirección debería cumprir coas súas obrigas e velar porque non se dean este tipo de situacións, reclamando insistentemente á Consellería a renovación inmediata de pupitres, mesas e cadeiras en mal estado.

O ensino é unha competencia autonómica e é a Xunta de Galicia á que lle corresponden este tipo de actuacións, non ao Concello. Á administración municipal só lle corresponden os mantementos menores. Lamentablemente, a Xunta rara vez asume as súas obrigas coa axilidade que se require, tal e como están a sufrir os nenos e nenas do colexio de Santa Cruz.

O Concello de Oleiros, para garantir o benestar dos nenos e nenas, executa continuamente distintas obras a petición das direccións ou das ANPA. No caso concreto deste centro, hai unhas semanas que o Concello realizou as obras de renovación do solo das aulas de infantil. Era a Xunta quen debía realizar esa obra, pero o Goberno municipal entendeu que os nenos e nenas merecían ter unha aula en mellores condicións. Igualmente, foi renovada pista polideportiva por parte do Concello, así como outras melloras nas zonas veredes.

Deja un comentario