O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, mantivo hoxe unha xuntanza coa alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, coa que abordou as vantaxes que a adaptación da Lei do Patrimonio Cultural permitirá a este municipio, así como aos do resto da Comunidade, para axilizar trámites e garantir unha protección máis eficaz dos bens patrimoniais. Ademais, tamén afondou coa rexedora sobre cuestións vencelladas co seu departamento, que resultan relevantes para este concello do Barbanza, como a renovación das infraestruturas culturais ou a programación de actividades, poñendo o foco nas conmemorativas do 25 aniversario do Museo das Artes do Gravado á Estampa Dixital.
Neste encontro, o representante da Xunta explicoulle polo miúdo como repercutirán as modificacións previstas na Lei de acompañamento dos Orzamentos para a Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia. En concreto, fíxolle fincapé en que permitirán reducir os tempos de espera, tanto por parte da cidadanía como das institucións, co obxectivo de que o coidado do patrimonio non supoña un impedimento para o desenvolvemento de proxectos vitais ou profesionais. Neste senso, cómpre subliñar que a Xunta de Galicia é a única administración autonómica que actualmente informa dos bens de todo o territorio con independencia de cal sexa o seu grado de protección, o que supón a xestión cada ano de 30.000 expedientes cun prazo de resolución aproximado de entre seis e 12 meses.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.