O pleno do Concello tamén aprobou o mantemento da suspensión temporal do planeamento nas Percebeiras, co obxectivo de estudar alternativas sostibles e útiles para a veciñanza
A Coruña avanza na adaptación da normativa municipal que regula o servizo de axuda no fogar (SAF), que tras máis dunha década sen actualizarse pasará a contar cun marco de xestión máis moderno, claro e acorde á lexislación vixente.
Así o expuxo esta mañá a concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, no pleno ordinario do Concello.
A renovación do SAF foi un dos puntos máis destacados na orde do día da sesión plenaria, atendendo ao feito de que a ordenanza actual mantívose practicamente inalterada desde o ano 2010, “desfasada tras moitos cambios lexislativos en Galicia e no Estado”.
Agora, o Goberno de Inés Rey está a dar os pasos necesarios para actualizala, adecuándoa ás variacións experimentadas no sistema de dependencia. A actualización proposta polo Executivo local busca garantir máis seguridade xurídica, equidade no acceso e coherencia co marco legal actual. Ademais, tal e como explicou Canosa, o texto da nova ordenanza clarifica as modalidades do servizo (dependencia, libre concorrencia e urxencia), os procedementos de acceso, as prioridades e a intensidade da atención, facendo o funcionamento do SAF máis transparente para coas persoas usuarias e as súas familias.
Outro dos eixos que sustenta o novo marco regulador municipal é a mellora da calidade, xa que se incorporan criterios técnicos actualizados que permiten unha atención domiciliaria máis eficaz e adaptada ás necesidades reais da poboación. A maiores, actualízase o sistema de cálculo da capacidade económica e do copagamento conforme á normativa autonómica da Xunta.
Na súa intervención no pleno, Nereida Canosa amosou o seu agradecemento ao persoal da concellaría, con especial fincapé á área de Dependencia, polo traballo desenvolvido á hora de artellar e adaptar o texto da nova ordenanza reguladora do SAF, “un paso moi importante para reforzar e actualizar o servizo, dar unha prestación da maior calidade, máis xusta e adaptada áas necesidades da veciñanza”. “Avanzamos na tramitación dun marco normativo renovado, que sen dúbida redundará no benestar das persoas maiores, en situación de vulnerabilidade ou en situación de dependencia no noso concello”, concluíu a edil.
O desenvolvemento das Percebeiras, en estudo
Noutra orde de asuntos, o pleno aprobou a suspensión cautelar da tramitación de instrumentos de planeamento e outorgamento de licenzas no ámbito do Plan especial de Labañou, coñecido como as Percebeiras.
Esta suspensión cautelar dá continuidade á que xa estaba vixente en virtude do acordo plenario acadado a finais de 2024, motivado pola necesidade de estudar alternativas que permitan o futuro do ámbito baixo criterios da máxima sostibilidade.
Así o indicou o concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, que fixo fincapé na necesidade de valorar o porvir desta superficie que é, na práctica, o último espazo por desenvolver no frente marítimo da bahía do Orzán.
“É fundamental actuar con prudencia e antepoñer os intereses da cidade. Gañamos un ano para definir o ámbito, para pensar como construir nel de forma positiva”, indicou Díaz Gallego, que apuntou ao compromiso do Goberno municipal para que a transformación das Percebeiras se faga cunha perspectiva sostible e que dé resposta ás necesidades reais da veciñanza, “buscando tamén espazos de socialización libres, compatibles coa posibilidade de construír, de que se executen tanto vivenda libre como protexida”.
Neste sentido, o edil demandou á Xunta máis implicación na creación de vivenda pública na cidade, lembrando que, entre os anos 2009 e 2023, o Goberno autonómico só habilitou 40 inmobles protexidos na Coruña, sendo a administración competente na materia.
A modificación puntual do Catálogo patrimonial incorpora o Camiño Inglés
Ademais, o pleno deu luz verde este xoves á aprobación provisional para a modificación puntual do Plan Xeral para a incorporación de elementos ao Catálogo patrimonial, un trámite que avanza agora coa inclusión de 74 elementos arquitectónicos, outros tres elementos etnolóxicos e a incorporación do trazado do Camiño Inglés.
O concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, apuntou que as emendas efectuadas sobre o informe previo non supuxeron, en esencia, grandes variacións. Neste sentido, a modificación aprobada hoxe polo pleno refrenda a inclusión das antigas estruturas portuarias da praza da Palloza e os peiraos das Xubias de Abaixo, entre os 74 elementos arquitectónicos referidos previamente.
No tocante aos elementos etnolóxicos, incorpóranse as fontes do Corgo, Monelos e as Xubias de Abaixo, todas elas de propiedades municipal e cun nivel de protección integral.
Na sesión plenaria, Díaz Gallego subliñou especialmente o feito de que “o patrimonio dunha cidade é moito máis que monumentos. Este patrimonio pode ser tamén un conxunto urbano na Falperra, nos Mallos, elementos que dan mostra do que foi a cidade noutras épocas e que deben ser conservados”. O edil avogou por que haxa máis pedagoxía con respecto á protección e conservación do patrimonio, lembrando que “unha propiedade cunha catalogación pode ser unha vantaxe, un plus”, e non un hándicap.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.