Inaugurará este sábado o calendario do I Ciclo de Teatro Afeccionado
O I Ciclo de Teatro Afeccionado Concello de Neda arrinca con forza, e este sábado 17 de xaneiro, a compañía de teatro Noite Bohemia inaugurará o programa a partir das 20:00 horas. A dúas veces gañadora do Concurso Nacional de Teatro Grecolatino poñerá en escena “Bacantes” de Eurípides, a traxedia por excelencia, forxada sobre un coro grego numeroso e danza para trasladar o obsceno da morte, a tolemia dun deus e a prepotencia dun rei.
A compañía coruñesa conquistaba con esta peza o Primeiro Premio Nacional de Teatro Grecolatino, que concede o Ministerio de Educación, e un dos máis prestixiosos do país no ámbito da cultura clásica. Chega a Neda baixo a dirección de Javier Fernández Mariño, e ten no seu elenco a Mario Rodríguez, Javier Castiñeiras, Isabel Garrido, Marta Couto, Nacho Pena e Pablo Rúa.
O público pode reservar xa as entradas, ao prezo único de 2 euros, chamando á Biblioteca Municipal (981 39 02 33) ou adquirilas o mesmo día da función, a partir das 17:00 horas.
O ciclo continuará en xaneiro coas obras “A mala estrela” de Opaí Teatro (24 de xaneiro) e “Paripé O Cabaré” de O Catre Teatro (31 de xaneiro), e en febreiro, con “O caso do cadáver asasinado” de Teatro do Asteleiro (7 de febreiro).




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.